DeportesÚltima hora

Expedición aos Dolomitas italianos en 14 imaxes

A exposición fotográfica “Vértigo” abre o programa “Achégate á montaña” en Ourense
Imaxe do cartaz da mostra "Vértigo", que pode visitarse no Pavillón dos Remedios en Ourense.
Imaxe do cartaz da mostra “Vértigo”, que pode visitarse no Pavillón dos Remedios en Ourense.

A experiencia vivida o pasado verán por tres montañeiros do Club Alpino Ourensán nos Dolomitas (Italia) pode agora descubrirse a través das 14 imaxes de gran formato que conforman “Vértigo”, unha exposición que pode visitarse no Pavillón dos Remedios ata o día 23 de marzo. Con elas logran achegar o reto deportivo e esa convivencia en vertical, ademais de transmitir o engado desta paraxe italiana.

“Son fotos de 60 cm de ancho por 1,20 de alto. Queríamos facelas nun tamaño grande para transmitir a magnitude que ten ese lugar. A través delas pretendíamos amosar os valores que envolven á montaña: a solidariedade, o compañeirismo, o pór a vida nas mans doutra persoa… e os elementos non competitivos do montañismo. Pero tamén buscamos comunicar todo o entusiasmo e intensidade que sentimos pola montaña e polos espazos naturais onde se practica este deporte”, sinala Víctor Barro, autor das fotos e un dos membros da expedición xunto con Alfonso González e Ernesto Fernández.

Unha das fotografías da mostra "Vértigo", das que é autor Víctor Barro.
Unha das fotografías da mostra “Vértigo”, das que é autor Víctor Barro.

Esta exposición forma parte de “Achégate á montaña”, un programa de actividades que comezaba en febreiro cun curso de iniciación á escalada e unha saída. Continuará en marzo coa charla “Dolomitas 2014-Vértigo”, que se impartirá o día 12 de marzo ás 20h. no Local social do Club Alpino Ourensán. Tamén se desenvolverá un curso de fotografía na fin de semana do 21 e 22 de marzo nos Ancares leoneses.

Este programa conta co apoio do Club Alpino Ourensán, do Consello Municipal de Deportes de Ourense e da tenda de montaña K-2, entre outros. As persoas interesadas en anotarse ou ampliar información poden consultar a web do club: www.clubalpinoourensan.es.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button