En portadaÚltima hora

A experiencia da casa niño “O Bicarelo” de Manzaneda, nas xornadas de emprendemento rural de Parada de Sil

A súa responsable, Iria González, participará no panel de experiencias sobre fórmulas de emprendemento no rural que se celebrará a mediados de decembro

Mellorar a empregabilidade e favorecer os procesos de inserción sociolaboral da mocidade no eido da economía social, así como facilitar o asentamento da poboación, apostando polo desenvolvemento económico endóxeno unido ao territorio e diversificando a economía do propio concello. Son os obxectivos dunha serie de xornadas que promoverá neste outono o Concello de Parada de Sil baixo o título “Mirando cara o futuro dende Parada de Sil: Economía Social e Emprendemento no Rural”.

Este proxecto, cofinanciado polo INJUVE, constará de varias accións formativas, encontros, xuntanzas e paneis de experiencias que pretenden promover o desenvolvemento rural sustentable, integral e equilibrado a todos os niveis económico, social, cultural e ambiental optimizando o aproveitamento dos seus recursos endóxenos, segundo o Concello.

A primeira destas accións está prevista para o vindeiro 18 de novembro, dentro da Festa da Pisa da Castaña que se celebra en Purdeus-Chandrexa. “Aproveitando a presenza na mesma de xentes que fixeron da artesanía ou seu medio de vida faremos un pequeno encontro ao redor dous eidos “Artesanía, Emprendemento e Economía Social”, na que as participantes sexan as protagonistas favorecendo así a análise de exemplos prácticos e os seus resultados”, indica o Concello de Parada de Sil.

 

Cartel das xornadas.

Ademais o 26 de novembro, no salón de plenos do Concello celebrarase unha Asemblea Veciñal Aberta para informar da situación actual do produto da castaña no mercado, das medidas realizadas para a súa revalorización. Tamén se dará asesoramento e orientación para a organización e comercialización baixo a fórmula do emprendemento cooperativo, co que se persegue a constitución dunha cooperativa da castaña da que a veciñanza propietaria de soutos poida ser socia.

Xa no mes de decembro, ou día 17, terá lugar un panel de experiencias para presentar exemplos reais de empredementos no rural da man dos seus protagonistas. Nel contarase a experiencia dunha cooperativa de xestión de montes como é O Érbedos Sociedade Cooperativa Galega, que pretende harmonizar economía, ecoloxía e tradición creando un desenvolvemento sustentable que achega riqueza, calidade de vida e beleza.

“A outra das experiencias que nos acompañarán é a de O Bicarelo , a Casa-niño de Manzaneda. Hoxe en día esta figura plantéxase como unha alternativa no interior de Galicia ao déficit en servizos de atención á infancia; porque a promoción do asentamento e desenvolvemento poboacional pasa necesariamente por un apoio decidido de medidas específicas de conciliación familiar, laboral e social no medio rural”, din os promotores da xornada. A responsable desta casa-niño é Iria González. A súa intervención levará por título “Casas Niño dinamizar o rural conciliando”.

 

Iria González, da Casa-niño O Bicarelo de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button