ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A experiencia de Amarelante en Manzaneda, nunha xornada de cooperativismo no Barco

O edificio multiusos acollía o 28 de abril o encontro “Creación de emprego e riqueza mediante o uso cooperativo do monte comunal”

 

“Necesitamos moitas máis experiencias como a nosa para estar en rede”, aseguraba Lito Prado, representante de Amarelante S. Cooperativa Galega,  na mañá do 28 de abril no Barco. Era un dos ponentes participantes na xornada “Creación de emprego e riqueza mediante o uso cooperativo do monte comunal”, organizada por Agaca en colaboración co Concello do Barco.

Prado comezaba explicando como nacía o proxecto de Amarelante, hai xa catro anos e tras un incendio que queimaba unha cuarta parte do concello de Manzaneda, que era en boa medida superficie de soutos abandonados. Cinco parellas formaban unha cooperativa que apostaba por volver a poñer a producir soutos xa existentes a través dun sistema de aluguer. “Este proxecto puido ser posible en Manzaneda porque a xente quere, non porque haxa ninguén máis por detrás”, comentaba o ponente.

Ademais de producir castaña, decidían incrementar o valor engadido do produto dando o paso da transformación. “Fixemos un investimento moi grande mercando maquinaria e os socios acordamos que, en lugar de repartir os beneficios da cooperativa, íamos mercar equipamentos e invertir en I+D+i”, relataba.  O proxecto, que tamén incide na formación, aínda está en desenvolvemento e, ademais de elaborar produtos como fariña de castaña e castaña seca, tamén pensan en traballar con cogomelos ou grelos.

Lito Prado tamén destacaba que os cargos da cooperativa están ocupados por mulleres porque “queremos visualizar a presenza de mulleres no rural”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button