EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Experiencia enomusical con Ribeiro, na Coruña

“En Clave D.O. Ribeiro”, unha actividade dirixida a mecenas da Orquestra Sinfónica de Galicia, terá lugar o 10 de xuño no Pazo da Ópera da Coruña
Partitura dunha das pezas do programa.
Partitura dunha das pezas do programa.

Un total de 60 membros da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) participarán o 10 de xuño a partires das 19:30h. nunha cata-concerto realizada con viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Terá como escenario o Pazo da Ópera da Coruña. “Trátase dunha experiencia enomusical, conxugando o viño e a música, na que se seleccionarán un total de 5 viños do Ribeiro acompañados de diferentes pezas musicais escollidas axeitadamente”, segundo adiantan dende a organización.

Esta iniciativa será dirixida polos sumilleres: Luis e Alejandro Paadín (ServinoConsulting). A escolma de viños decidíuse en base á “tipicidade que teñen cada un dos vales do Ribeiro (Avia, Arnoia, Miño…), amosando así a diversidade vitivinícola presente na D.O.”, explican.

O outro apartado da cita, o musical, correrá a cargo do Quinteto de la Orquesta Sinfónica de Galicia, que irá interpretando unha peza musical por cada un dos viños que se caten. A carta-programa será a seguinte:

I. Viño branco xove do val do Miño
Wein, Weib und Gesang, op. 333 de Johann Strauss Jr.

II. Viño branco xove do val do Arnoia
Bacchus, das Metamorfosis para oboe so de Benjamin Britten (1951)

III.Branco do Avia con crianza en barrica
Chant Bachique del Acto II de Sylvia, de Léo Delibes.

IV. Tinto xove con algo de crianza
Vivat Bacchus, de El Rapto en el Serrallo de W.A. Mozart (1782)

V. Tostado, viño naturalmente doce
Églogue Bachique, Jean-Baptist Drouart de Bousset

“Esta acción de harmonía de Viño e Música desenvolverase en colaboración coa Orquesta Sinfónica de Galicia e a D.O. Ribeiro para os seus mecenas da Orquesta, entre os que se encontran algunhas das empresas e personalidades máis influíntes de Galicia”, indican dende a organización.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button