EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Expertos españois e internacionais analizan en Vilariño de Conso o futuro dos espazos rurais de montaña

Unhas trinta persoas asisten ao seminario “Desenvolvemento Rural e Espazos Naturais”, que se celebra nesta localidade entre os días 8 e 10 de xuño

Estudar as posibilidades de desenvolvemento rural nos espazos con pouca poboación e cunha grande porcentaxe de superficie protexida é o obxectivo do seminario “Desenvolvemento Rural e Espazos Naturais”, que se celebrará en Vilariño de Conso entre os días 8 e 10 de xuño. Dende a mañá deste venres 8 de xuño reúne a unha decena de expertos, algúns dos cales virán de universidades de Portugal, Italia ou Francia para amosar as experiencias doutros países.

Esta iniciativa, que promove a Fundación Juana de Vega en colaboración co Concello de Vilariño de Conso e coa Universidade de Santiago, escollía Vilariño de Conso como escenario a ser un concello de montaña, con pouca demografía “e que ten un 80% da súa superficie protexida”, explica Beatriz Suárez, técnica da Fundación Juana da Vega e membro da organización do curso.

As xornadas, que contan cuns 30 inscritos, terán dous grandes bloques temáticos: a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destas zonas ourensás e a avaliación das iniciativas turísticas e doutro tipo de actividades económicas. Encetábanse ás 10h. do 8 de xuño coa conferencia “Desenvolvemento rural e espazos protexidos: ¿un oxímoro?”, de Valerià Paül, coordinador deste foro xunto a Martín Agrelo. A continuación viña a ponencia “A biodiversidade das montañas ibéricas: ¿cuestión de natureza ou cuestión de cultura?” da man de Josep María Panadera (Instituto de Estudos Cataláns), seguida dun debate. A partires das 15:30h. realizarase unha actividade de campo, de 5 horas de duración polo Val da Cerveira.

 

Un dos momentos do acto inaugural das xorandas./ Foto cedida.

 

O programa continuará con máis ponencias os días 9 e 10 de xuño. A xornada do sábado estará dedicada a ponentes internacionais coas intervencións de Johan Milian da Universidade de París 8, Ana Firmino da Universidade Nova de Lisboa e de Giacomo Zanolin, que abordarán experiencias de desenvolvemento noutras zonas europeas. Pola tarde farase un debate sobre as conferencias e unha visita a explotacións agropecuarias e silvícolas da zona de Vilariño de Conso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button