CulturaCulturaÚltima hora

Exposición fotográfica Manuel Blanco Pascual no Barco

A mostra está formada polas imaxes participantes no IX concurso convocado polo IEV

Unha das salas da Casa do Rio Cigueño no Barco de Valdeorras acolle dende hoxe e ata o venres 12 de xuño (en horario de 19 a 21h.), a IX edición da exposición de fotografía “Manuel Blanco Pascual”, coas imaxes participantes no concurso sobre patrimonio inmaterial organizado polo Instituto de Estudos Valdeorreses.

A inauguración da mostra tiña lugar na tarde do venres 5 de xuño, contando coa presenza do presidente do IEV, Aurelio Blanco e do alcalde do Barco, Alfredo García, entre outras autoridades. O propio Aurelio era o encargado de presentar o acto asegurando que tanto as fotografías desta edición como as das anteriores oito ben merecen unha publicación pero corren tempos difíciles para a cultura, aproveitando a ocasión para reivindicar unha vez máis un museo.

De seguido tiña lugar a entrega de premios e diplomas aos participantes. O 1º premio, dotado con 250 euros foi para a fotografía “O Mosteiro”, de Arsenio Blanco Gayoso; o 2º, dotado con 200 euros, foi para a triloxía denominada “Camiño de Inverno”, de Lucas Docampo Gacio; mentres que o 3º, dotado con 150 euros foi para a triloxía denominada “Reestreo”, de Juan Manuel Vecino Sánchez. Tamén houbo un diploma para o resto de participantes.

O alcalde do Barco, pola súa banda, agradeceu o labor do Instituto por esta iniciativa, felicitando aos artistas pola “expléndida” obra que fixeron animando tanto aos organizadores como aos participantes a seguir traballando porque “un pobo que non valora a súa cultura non vai prosperar”.

Artigos relacionados

Back to top button