CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A exposición fotográfica sobre o liño de Carlos G. Hervella, en Chantada

Estará exposta ata o vindeiro 9 de abril na Casa da Xuventude desta localidade lucense

Un percorrido visual por unha tradición non tan lonxana pero bastante esquecida: a do cultivo e traballo do liño. É a proposta etnográfica en forma de exposición que a Casa da Xuventude de Chantada lanza neste mes de marzo. A mostra “O liño”, con 25 fotografías de Carlos G. Hervella e promovida dende Asociación Cultural San Miguel de Bidueira (Manzaneda), poderá verse nesta sala lucense ata o vindeiro 9 de abril.

O acto inaugural da exposición tiña lugar na tarde do 8 de marzo e contaba coa presenza do autor das imaxes e fotógrafo do Periódico O Sil, Carlos G. Hervella, quen explica a parte artística e fotográfica do traballo, así como do responsable da devantida asociación cultural, Clemente Pérez, que abordaba o aspecto etnográfico. Canda eles estaba tamén a directora da Casa da Xuventude de Chantada, Marina Vila.

As imaxes, que se complementan con textos explicativos, recrean o proxecto etnográfico que se iniciaba en 1987 para a recuperación do liño nas distintas fases: a semente, o cultivo e a súa transformación. Foi un proceso de moito traballo, que durou uns tres anos e que implicou a moitas persoas. De xeito especial nel colaboraban un grupo de mulleres que desenvolveron o labor (Leónides, Lucilda, Benita, Catalina, Maruja, Pura,…), Anuncia Prieto e Manuel González, que estiveron detrás, e tamén Clemente Pérez fundador da asociación e Carlos G. Hervella, o fotógrafo natural de Trabazos (Manzaneda) que entre 1991 e 1992 documentou graficamente o proceso.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Marina Vila

Artigos relacionados

Back to top button