DeportesÚltima hora

Expourense acolle este domingo 29 de outubro o Festival Internacional de Xadrez

O evento deportivo contará cuns 300 participantes de entre 6 e 18 anos
Emma González, Jesús Vázquez, Mario Guede, elías González e Graciela Gómez.

O Festival Internacional de Xadrez “Cidade de Ourense” cumpre o seu décimo aniversario. Baixo o lema “Deporte e Ciencia para a Xuventude”.

Esta cita vaise celebrar en Expourense o vindeiro domingo 29 de outubro. O evento será unha das últimas probas puntuables para o Circuíto Galego 2017 (Proba oficial da Federación Galega de Xadrez), que está destinado a xoves xadrecistas de entre 6 e 18 anos.

Na presentación de hoxe, 25 de outubro, o presidente do Clube de Xadrez Ourense fixo referencia a que “Expourense constitúe un dos mellores e máis recoñecidos emprazamentos a nivel autonómico para o desenvolvemento de probas deportivas desta índole, como así foi recoñecido pola propia Federación Galega de Xadrez en múltiples ocasións”. Nesta presentación tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o concelleiro de Deportes, Mario Guede; o presidente do Club Xadrez de Ourense, Elías González; a secretaria do Clube de Xadrez Ourense, Graciela Gómez; e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Os máis de 300 participantes veñen de Galicia e Portugal.

Esta décima edición do Festival contará cuns 300 participantes de entre 6 e 18 anos, escolares e federados procedentes de toda a provincia de Ourense, resto de Galicia, e tamén de Castela e León e Portugal. Destes 300, máis de 50 xogadores teñen xa rango internacional e veñen de gañar ou obter podio en importantes probas a nivel nacional e internacional como é o caso de Xacobe Conde, Martín Gómez ou dos irmáns Pura e Benjamín Diéguez.

Estes participantes pertencen a diferentes clubes, entre eles os máis destacados do panorama local, provincial e autonómico e tamén do norte de Portugal: Clube Deportivo Xadrez Ourense, Liceo de Ourense, Universidade de Ourense, Xadrez Celanova, Xadrez Verín, Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, Círculo Ferrolán, Círculo Chantadino de Xadrez, Ben-cho-sei de Pereiro de Aguiar, entre outros. Haberá unha importante afluencia de xogadores lusos que pertencen a diferentes clubes, como a Escola Xadrez Porto, Xadrez Mirandela, Pedras Salgadas, Didaxis, e Rebordochao.

O evento contará coa participación de numerosos deportistas con ránking internacional, feito que, unido á calidade dos premios e á cantidade dos deportistas reunidos, converterá a esta cita ourensá nunha das máis consolidadas e concorridas do calendario anual galego.

Todos aqueles que desexen participar neste torneo aínda poden inscribirse ata o venres, día 27 de outubro, ás 22:00 horas. A inscrición é gratuíta e pode e pode facerse a través da conta de correo electrónico trxadrez@hotmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button