EconomíaEconomíaÚltima hora

Expourense acollerá a 13ª edición de Previsel os días 11 e 12 de abril

O Salón da Prevención e Seguridade Laboral ofrece 45 actividades formativas para consolidar a cultura da prevención na sociedade

Ofrecer formación especializada para “consolidar a cultura da prevención tanto nas empresas como na sociedade en xeral”, é un dos obxectivos da 13ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que se desenvolverá en Expourense os días 11 e 12 de abril, e que presenta un completo programa con 45 actividades nas que se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, os traballos en altura, laboratorio ou forzas de seguridade, entre outros.

Previsel 2018 era presentado na mañá do 9 de abril na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense coa presenza da delegada territorial, Marisol Díaz; do vicepresidente da CEO, José Manuel Díaz; do director do ISSGA en Ourense, Ángel López, e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Tal como avanzaron na presentación, a edición deste ano contará cunha trintena expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade, destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Ademais, o salón ofrece un completo programa de actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados que abordarán temas de plena actualidade como os efectos do gas radón ou a problemática da vespa velutina. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) na súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos nesta edición organiza dous seminarios sobre a prevención de accidentes nos traballos en altura e sobre a seguridade nos laboratorios.

A inauguración oficial será o mércores 11 ás 11:30 horas, presidida pola secretaria xeral para o Emprego, Covadonga Toca; e a clausura será o xoves ás 13:30h. e nela participará o director xeral de Emerxencias, Luis Menor. O horario de apertura do salón será o mércores 11 de abril de 10 a 14h. e de 16:30 a 19:30h. e o día 12 de 10 a 14h.

Artigos relacionados

Back to top button