SanidadeÚltima hora

Expourense converterase no centro de prevención de riscos cunha nova edición de “Previsel”

A décimo segunda edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral levarase a cabo os días 10 e 11 de maio

 

Emma González, Marisol Nóvoa, Marisol Díaz e Ángel López.

Conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galgas para crear espazos de traballo saudables é o principal obxectivo da décimo primeira edición de “Previsel, Salón da Prevención da Seguridade Laboral”, que terá lugar en Expourense entre os días 10 e 11 de maio.

Segundo explicaron na presentación desta mañá (8 de maio) na delegación da Xunta en Ourense e na que estiveron delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; a vicepresidenta da CEO, Marisol Nóvoa; o director do centro ISSGA de Ourense, Ángel López; e a directora adxunta de Expourense, Emma González , esta edición integra actividades de interese para toda a sociedade. En concreto, o programa presenta máis de 30 actividades nas que tamén se inclúen relatorios e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal.

Neste senso, Previsel realizará actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou enfermidades. Entre os temas novidosos que serán abordados no salón destacan “a presentación do programa de detección precoz do cancro de colon ( organizado pola Consellería de Sanidade), a prevención da violencia de xénero, os plans de autoprotección aplicados na organización de eventos tanto dende o ámbito público como privado.

En concreto, unha das demostracións prácticas que farán consistirá na exhibición dun rescate en altura empregando as nomeadas “liñas da vida”, instaladas na cuberta do Paco Paz, froito da colaboración entre a Deputación e os Bombeiros, que tamén impartirán clases de “mergullamento en fume”, para actuar ante un incendio nun lugar pechado.

Outra das novidades será a mesa sobre “seguridade e protección na edificación”, na que participa a Inspección de Traballo e os colexios profesionais de Arquitectos, de Aparelladores e de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Neste campo abordarán termas como os os riscos e responsabilidades nas obras de reformas acometidas polas comunidades de veciños, que nalgún caso as responsabilidades son descoñecidas polos promotores ou os efectos derivados do deseño dos edificios na saúde dos seus habitantes.

A todo isto engádense xornadas e obradoiros levadas a cabo por diferentes entidades como o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, (ISSGA), que falarán do estres no traballo e da prevención de riscos no sector primario; a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), que organiza unha xornada sobre “a xestión da idade dende a prevención de riscos laborais, facilitando ferramentas de apoio ás empresas”; o sindicato CC.OO. e C.I.G, que abordarán a o tema da saúde laboral na empresa.

Asemade, o salón contará cunha mostra sobre os distintos tipos de corpos que operan en Galicia e, nesta ocasión, estará centrada nos distintos departamentos de Protección Civil e Bombeiros. Asemade, estará complementada coa Unidade Operativa de Drones da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Tamén TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias, ofrecerán cursos e relatorios, entre os que destaca, por exemplo, o da manobra de reanimación ou RCP. E para o xoves, 11 de maio, está prevista a participación do helicóptero do 061.

Entre as actividades permanentes destacan as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella, os obradoiros de riscos eléctricos impartidos por FREMAP ou os consellos antiobesidade e antibaquismo da Consellería de Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button