OurenseÚltima hora

Expourense pecha a fin de semana con máis de 7.000 visitantes no Salón do Automóbil Novo

Do 26 ao 28 de outubro celebrarase a edición do salón adicada ao vehículo de ocasión
Panorámica do Salón do Automóbil en Expourense.

O 10º Salón do Automóbil-Vehículo Novo converteu a Expourense durante esta fin de semana no concesionario máis grande de Galicia ao que se achegaron en torno ás 7.350 visitas para coñecer a ampla oferta que estivo composta por 300 vehículos de máis de 22 marcas de todas as gamas, modelos e prezos. As 16 empresas participantes ampliaron as opcións de selección á hora de elixir un coche, xa que a meirande parte deles ofreceron importantes descontos especiais de feira que superaban en moitas ocasión o 30% do prezo de venda no concesionario.

A cita conseguiu satisfacer as expectativas dos expositores e, segundo afirman dende A.C.A.U.T.O., “polo momento parece que se superan lixeiramente os datos da última edición”. Os datos finais de vehículos vendidos darase o vindeiro domingo na clausura do Salón do Vehículo de Ocasión, xa que “ao longo desta semana, moitas das visitas que viñeron a Expourense e non se decidiron no momento, pecharán a compra nestes días”.

Cun amplo abano de prezos entre os 9.490 e os 230.000 euros, este salón ofrecía modelos de coches para todas as necesidades. Preguntándolle aos expositores cál foi o modelo máis vendido no salón non pode sacarse unha conclusión clara, xa que se venderon modelos de todas as gamas, se ben parece que destacan os denominados “Crossover” ou SUV e aqueles que ofrecen máis eficiencia e menor consumo. Repetiu presenza neste salón o Road Show de Mazda que permitía probar todas as novidades da marca acompañados dunha ducia de monitores da marca chegados dende distintas partes de España.

O Salón do Automóbil continuará a vindeira fin de semana (do 26 ao 28 de outubro) coa celebración da edición adicada ao Vehículo de Ocasión no que volverán a estar presentes os concesionarios asociados a A.C.A.U.T.O.

Artigos relacionados

Back to top button