EconomíaEconomíaÚltima hora

Expourense resume o 2016 como “o ano da internacionalización”

O recinto de exposicións da capital acolleu tres das cinco feiras internacionais celebradas en Galicia o pasado ano e recibiu case 1.000 expositores

Internacionalización, esta é a palabra que resume o ano de actividade de Expourense. Así o expresaron tanto o presidente do Comité Executivo de Expourense, Juan Carlos Parada Rúa; e o director xerente da mesma entidade, Alejandro Rubín, na súa intervención no acto de presentación da memoria 2016 hoxe, 10 de abril.

Esa “internacionalización” tradúcese nos salóns de Termatalia México, Xantar ou Funergal. Estas tres feiras internacionais forman parte das cinco que se celebraron o pasado ano en Galicia, e todas foron en Expourense. Juan Carlos Parada cifrou un total de 11 feiras organizadas pola entidade. A isto súmanse 2 salóns promovidos por organizadores externos. En canto ao número de visitantes, o salón de exposicións de Ourense recibiu no 2016 un total de 117.000. Outros datos salientables son os 943 expositores que pasaron polo recinto; 20 eventos e 350 relatores nacionais e internacionais nas xornadas técnicas, como o recente salón do viño e licores galegos “Vinis Terrae”.

Outra parte desa internacionalización é o contacto directo co país veciño, Portugal. Alejandro Rubín fixo unha mención especial: “Expourense sen Portugal sería menos Expourense. Os nosos eventos contan sempre cun 30% de presenza portuguesa”, apuntou.

Pero Expourense “tamén aposta polo local”, dixo Rubín, e por iso convidaron a diferentes axentes organizadores locais de feiras e eventos no recinto para que fixesen balance do pasado ano. O primeiro en intervir foi o presidente de ACAUTO (Asociacións de Concesionarios de Ourense), Ramón Seijas, que apuntou que tanto o Salón de Vehículo Usado, de Oocasión e o de Promoción son “xa citas consolidadas e de referencia na actividade que os concesionarios vimos desenvolvendo, reactivando a activade comercial do sector na provincia”. O presidente non deixou pasar a ocasión para reivindicar que as obras da pista de atletismo que se están a facer no interior do salón “rematen o antes posible para poder continuar cos salóns”. Tras el foi a quenda do Doutor Antonio Freire, especialista en Termalismo e xerente do Balneario de Augasantas, en Monforte e dunha consultoría de Termalismo: “cando alguén quere facer un proxecto termal no deserto de Atacama, acaba en Ourense, en Termatalia”, dixo.

Finalmente, o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, apuntou que Expourente é “unha parte fundamental para o desenvolvemento das nosas empresas” e asegurou que dende a Confederación de Empresarios están a pensar futuras relacións para crear “misións comerciais” nas que se inclúa a Expourense.

Canda eles, na mesa presidencial, estiveron a Directora Xeral Comercio Xunta de Galicia, Sol Vázquez, en representación do Conselleiro de Industria e presidente do padroado de Expourense, Francisco Conde; o Vicepresidente Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e membro do padroado; e a recente nomeada concelleira de Comercio, Flora Moure.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button