CarballedaConcellosÚltima hora

Extinguido o incendio dunha casa en Carballeda de Valdeorras

 

A fío das tres e media da pasada medianoite os bombeiros do GES Valdeorras e do parque comarcal daban por finalizados os traballos de extinción do lume que afectaba a unha vivenda e a unha palleira na tarde de onte na localidade de Carballeda de Valdeorras. “Malia que, pasadas as 19:00 horas do martes o lume puido ser controlado, non foi ata a medianoite cando os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que o lume estaba extinguido. Non obstante continuarían mais tempo no lugar para asegurarse de que todo quedara ben apagado”, informa o 112 Galicia.

A casa afectada constaba de dúas estancias, unha delas cunha construción de pedra e madeira, que ardeu case na súa totalidade e a outra de construción máis recente, que tamén se viu afectada polas lapas, segundo os datos do 112 Galicia, que tamén indica que, “segundo informaron os bombeiros, tratouse dunha casa habitada ocasionalmente e, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais”.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio pasados uns minutos das seis da tarde de onte, a través de varias persoas particulares e, a partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos bombeiros do GES de Valdeorras, dos bombeiros do parque comarcal, dos axentes da Garda Civil e tamén de medios forestais, que achegaron motobombas para colaborar na extinción do lume.

Artigos relacionados

Back to top button