En portadaÚltima hora

Extinguidos os incendios de Montederramo, Manzaneda, Chandrexa, Vilar de Barrio, Muíños e Lobios

Superficie afectada polo lume en Chandrexa de Queixa./ Cedida.

 

Na pasada noite quedaban extinguidos os lumes de Montederramo-Gabín (50 hectáreas), Chandrexa de Queixa-Queixa (850 ha), Manzaneda-Cernado (800 hectáreas), Manzaneda-Paradela (404,03 ha), Lobios-Río Caldo (2.000 ha), Vilar de Barrio-Rebordechau (550 ha) e Muíños-Prado de Limia (250 ha, segundo informa a Consellería do Medio Rural.

Manzaneda

Extinguido ás 21:29 h. de onte o lume rexistrado o luns no municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 800 hectáreas de monte raso. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 11 axentes, 23 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 10 avións.

Tamén quedou extinguido ás 21:26 h. de onte o lume iniciado o luns neste municipio pero na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro orixinado na parroquia de San Martiño. Entre os dous sumaron unha superficie provisional dunhas 404,03 hectáreas, das cales 20,03 son arboradas e o resto de monte raso. No lugar interviñeron 1 técnico, 22 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións.

Chandrexa de Queixa

Así mesmo extinguíase ás 21:28 h. de onte o lume que se orixinou o domingo na parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa. A última medición indica que a superficie afectada foi de 850 hectáreas, das cales 5 arboradas e 845 de monte raso. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 18 axentes, 35 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 2 avións.

Vilar de Barrio

Extinguido ás 22:19 h. de onte o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. A última medición indica que a superficie afectada foi de 550 hectáreas, das cales 30 arboradas e 520 de monte raso. Na súa extinción participaron 14 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Lobios

Extinguido ás 22:02 h. de onte o lume orixinado o sábado no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo. A última medición indica que a superficie afectada foi de 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, das cales 200 arboradas e 1.800 de monte raso. Na súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 41 axentes, 90 brigadas, 56 motobombas, 1 pa, 13 helicópteros e 8 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños

Ademais quedaba extinguido ás 21:56 h. de onte o lume que entraba na madrugada do xoves no Parque Natural do Xurés, procedente de Portugal, afectando ao concello de Muíños, parroquia de Prado de Limia, e o limítrofe municipio de Lobios. A superficie afectada, tras a última medición, foi de 250 hectáreas de monte raso. No lugar traballaron 9 axentes, 24 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 7 avións.

Montederramo

Finalmente,  ás 21:42 h. de onte extinguíase o lume que comezaba o luns no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 50 hectáreas, das cales 5 arboradas e 45 de monte raso. No lugar participaron 17 axentes, 27 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 6 avións.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button