ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Fabiola García: “Asfaval é unha entidade de referencia na comarca e tamén en Galicia”

A conselleira de Política Social visitaba as instalacións do centro ubicado no Barco de Valdeorras

 

Despois de máis dunha década pechado, en maio de 2019 o centro residencial de Asfaval (Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras) abría por fin as portas con 15 prazas conveniadas coa Xunta, mantendo ademais o centro ocupacional e o centro de día. Unhas instalacións ubicadas na Urbanización Las Huertas, no  Barco, que visitaba a conselleira de Política Social Fabiola García na tarde do 9 de marzo.

Despois de saudar á directiva do centro, con Amelia Blanco á fronte, e a algúns dos usuarios, a conselleira (anteriormente directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade), loaba o traballo de Asfaval para mellorar a autonomía e o benestar das persoas con discapacidade. “É unha honra estar hoxe no Barco e visitar unha entidade de referencia en toda a comarca e tamén en Galicia. Unha entidade que está os 365 días do ano a pé de campo, atendendo, coidando e mimando ás persoas con discapacidade”, dixo, asegurando que con esta visita quería coñecer de primeira man as instalacións e “agradecerlle a Amela a boa disposición permanente e a súa colaboración coa Administración para continuar atendendo cada día a máis xente”, dixo.

 

A conselleira de Política Social visitando as instalacións de Asfaval.

 

A conselleira destacou a atención especializada e individualizada que ofrecen no seu centro de día, a calidade dos coidados residenciais que tamén ofrecen aos seus usuarios e a formación adaptada que poden recibir a través dos diferentes obradoiros no seu centro ocupacional. Tamén sinalou que “a colaboración entre a Administración e as diferentes entidades é fundamental para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Neste sentido, lembrou que son organizacións como Asfaval as mellor coñecen as necesidades das persoas con discapacidade e, serven polo tanto, para sinalar o camiño cara a plena inclusión. “Quero poñer en valor este traballo das entidades sociais de Galicia e por suposto brindarme a continuar colaborando da man con elas para ofrecer cada día novas prazas a disposición das persoas que as necesitan”.

A presidenta de Asfaval pola súa banda, asegurou que están “moi agradecidos á Consellería porque a residencia levaba 12 anos pechada e de non ser por ela non teriamos esa posibilidade, pero pedimos un pouco máis para poder manternos”. En concreto demandan 5 prazas máis para a residencia e 2 para o centro de día “porque queremos seguir crecendo ata chegar a 20-25”.

Na visita tamén estaba o alcalde do Barco Alfredo García e a voceira popular Sabina Aguado, entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button