CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Faia, unha delicada recreación dos cantos populares femininos, no Barco

Esta cantante actuaba vén de presentar o seu traballo "Ao Cabo Leirín" no Xardín da Casa Grande de Viloira dentro do ciclo "De Perto"

 

Os cantos da tradición oral, transmitidos polas mulleres galegas, cobran nova vida na voz de Faia Díaz. Interpretando “Dúas cantigas de Corcubión”, mentres camiñaba cara o escenario, iniciaba esta cantante a súa actuación na tarde do 17 de xullo no Xardín da Casa Grande do Barco.

A partir de aí ía dando paso ás pezas incluídas no seu álbume en solitario “Ao Cabo Leirín”, un traballo moi persoal e que se basea na investigación dos cantares populares, pero tamén das mulleres que as interpretaban e das súas historias. Ao mesmo tempo, nesa andaina musical Faia explora esa tradición dende a súa propia voz, tal e como comentaba na presentación do concerto o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo.

No decurso da actuación, a cantante tamén agasallaba ao público con gravacións orixinais da súa recolleita. Este concerto era a penúltima das citas do ciclo “De Perto” no Barco, dedicado ás diversas faces da palabra. O programa completarase mañá sábado, tamén ás 20:30h. cun trío de voces de excepción: as dos contadores Quico Cadaval, Celso Sanmartín e J. Luis González “Guti”. Será tamén no Xardín da Casa Grande.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button
Close