Deportes

“Falar co río Sil é moi beneficioso”

Viti Berzosa, un barquense de adopción que dialoga a diario co Sil. Báñase nel, sexa verán ou inverno
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A temperatura non conta. Case a diario e, ao longo de todo o ano, Victorino Berzosa Aparicio “Viti” mergúllase nas augas do Sil, ao seu paso polo Malecón do Barco. “Gústame o río e vaime ben fisicamente, o corpo agradéceo, sentes un benestar. Mesmo acostumo ir ao río cando teño un pouco de gripe e non acabo de curala, o río arránxamo. Estoulle moi agradecido. E isto xa debe ser tamén como algo que che vai esixindo o propio corpo”, explica. Tan só interrumpe os seus baños cando o caudal do Sil é moi escaso ou cando é esaxerado. Pero a súa relación co río vai máis alá do físico, é case unha filosofía de vida, un xeito especial de entender e dialogar coa natureza. “O protagonista do libro Siddhartha de Herman Hesse dicíalle ao alumno que falase co río, que lle contase as súas cousas e iso é moi beneficioso. Será fantástico ou fantasioso, pero falar co río tamén é interesante”, confesa.

Este profesor xubilado de lingua española mantén os seus encontros co Sil dende a súa chegada a esta vila valdeorresa, hai xa tres décadas. “A min dame por ir ao río e como vai pouca xente, debemos ser dous ou tres os que nos bañamos habitualmente, pois penso que son raro. Para min é unha forma de vivir e vou continuar indo ao río ata que Deus finiquite a cousa”, di, deixando entrever o seu particular sentido do humor.

Descubriu O Barco nunha parada casual durante unha viaxe a Monforte coa súa dona, Marisa. Encantoulles o lugar e decidiron instalarse nel, pedindo o traslado das súas prazas de profesores en Barcelona. Nunca se arrepentiron da decisión e considéranse uns barquenses máis.
Sen embargo, o Sil non é o único río importante para Viti. “As nosas vidas son os ríos que van á mar, dicía o poeta Jorge Manrique de Palencia, case do meu pobo. Eu son de Carrión de los Condes, na mesma provincia, e por alí pasa o famoso Carrión. Nel aprendín a nadar de pequeno, como sucede moitas veces, case por unha necesidade imperiosa de non afogarme. Estando un día no río un rapaz empuxoume a un pozo e para saír del aprendín a nadar”.

Sobre o Sil comenta que o ve “máis coidado agora que antes, eu síntome mellor nel”, pero en certo modo bota en falta unha maior cultura do río “porque para min é un ben grande da humanidade” e tamén o feito de que “a xente non teña esa necesidade de bañarse, por iso dicíache que me considero raro”.
E, como profesor que foi, tamén cre que resultaría interesante que houbese un achegamento dos nenos ao Sil e que se aproveitase máis no aspecto docente. “Pode ser que na clase se aborde cando se estuda xeografía, pero non vexo externamente grupos que se preocupen do río e que se bañen nel”, comenta mentres dirixe os seus pasos cara o Malecón. O río espérao un día máis e Viti chega puntual a súa cita con el.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button