ConcellosÚltima hora

Falece Ángel Pérez, un dos empresarios pioneiros no sector da lousa

Ángel Pérez, nunha canteira de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A comarca de Valdeorras e o seu sector empresarial despide neste 29 de setembro a Ángel Pérez Álvarez. Era un dos empresarios pioneiros do sector lousa valdeorresa e viviu o desenvolvemento desta actividade económica, que coñecía polo miúdo. Falecía no Barco o 28 de setembro aos 93 anos.

Nacido na Habana (Cuba), trasladábase sendo moi pequeno xunto á súa familia a Viladequinta (Carballeda de Valdeorras). Alí os seus pais abrían un establecemento dedicado a café e comestibles. Con tan só 11 anos comezaba a traballar como pinche de minas, sen deixar de lado a escola, na que sentía un especial interese polas matemáticas.

Na súa mocidade primeiro traballou no wolfram e foi a partir de 1953 cando comezou a explotar unha canteira de lousa na paraxe do Castañeiro en Portela do Trigal. A partir de aí iniciou o seu desenvolvemento como empresario, ao mesmo tempo que ía evolucionando o sector da lousa. A comezos da década do 2000 presidía as empresas Ampeal, Emeritasa, Pizarras Carucedo e Piedras de Ricosende.

Na tarde deste 29 de setembro a comarca daralle o seu último adeus a este veciño do Barco. O seu funeral está previsto para as 17h. da tarde na igrexa de Santa Rita do Barco. A súa capela ardente está no Tanatorio Santa Rita desta mesma vila pero “non se recibe dó por motivos de prevención sanitaria”.

 

Ángel Pérez Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button