ConcellosO BarcoÚltima hora

Falece Manuela García Carracedo, matriarca da familia dos “Parra” do Barco

O funeral terá lugar mañá, mércores 25 de maio, ás 12 horas na Igrexa de San Rita

Manuela García, na homenaxe da Festa do Botelo do Barco de 2018./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Non era natural do Barco pero si pasou boa parte da súa vida na capital da comarca de Valdeorras, como matriarca dunha familia moi coñecida na vila: a dos “Parra”. Manuela García Carracedo, naceu o 4 de outubro de 1926 en San Paio (Petín) onde viviu durante anos cos seus avós mentres os seus pais buscaban o pan en Bos Aires (Arxentina). Despois viviría en Vilamartín de Valdeorras e máis tarde no Barco.

Na capital da comarca traballou durante tres anos no Hostal do Sil, e con 23 anos casou con Miguel López xunto ao cal rexentou entre os anos 50 e 54 o famoso Bar Parra ubicado na rúa Real, de onde lle viría o alcume co que todo o mundo coñece á súa familia, tanto a ela “Manola Parra” como ao seu home e mesmo aos seus sete fillos: Miguel, Manolo, Javier, Tete, Charo, Carlos e Jose.

 

Tal como recoñece a súa filla Charo, Manola era unha muller moi coqueta. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Grazas a experiencia no hostal, Manuela era a cociñeira do bar. Máis tarde o seu fillo Manolo perpetuaría o nome de bar Parra nas Casas Baratas -no ano 78- e finalmente na rúa Marcelino Suárez -dende 1999 ata o 2010-; e agora outro dos seus fillos, Carlos, mantén algunha das súas receitas no Castelo de Maceda. Foi a responsable do menú en moitas vodas, sendo a menestra e a merluza en salsa verde, as cigalas e os embutidos caseiros o que máis lle gustaba á xente, tal como ela mesmo contaba; tamén se adicou á distribución de polbo na contorna; e durante 28 anos rexentou unha pescadería na praza de Abastos. Ademais gustáballe a horta e na finca do Serro colleitaba todo tipo de hortalizas e verduras.

Entre traballo e traballo Manuela e a súa familia sempre estiveron vencelladas á gastronomía no Barco motivo que lle valeu a mención de honra da XVIII Festa do Botelo do Barco no ano 2018.

Catro anos despois desa homenaxe, na madrugada deste martes 24 de maio a matriarca dos “Parra” falecía aos 95 anos.

A capela ardente está no Tanatorio La Cruz-Sala Guzmán. O funeral terá lugar mañá, mércores 25 de maio ás 12 horas na Igrexa de San Rita, no Barco, seguido do sepelio no cemiterio municipal.

 

Artigos relacionados

Back to top button