Publicidade
En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Falece o artista valdeorrés Xosé de Valbuxán “Yosso”

O seu funeral está previsto para mañá 1 de setembro ás 11:30h. en Valbuxán (O Bolo)

 

Pintor, pero tamén escritor e poeta, José Porto García “Yosso”, máis coñecido como Xosé de Valbuxán ten desenvolvido no conxunto da súa obra unha técnica e un estilo auténtico e con proxección internacional. Este creador falecía repentinamente na pasada noite no Bolo aos 76 anos. O seu funeral está previsto para ás 11:30h. de mañá 1 de setembro en Valbuxán (O Bolo).

Yosso adentrábase moi novo no mundo da pintura. Con dez anos deixaba a súa aldea natal para ir estudar e con 19 trasladábase a París. A súa inquedanza artística levouno a Francia, Suíza, Italia… simultáneando traballos varios, pero, sobre todo, pintando e escribindo. A súa experiencia vital plásmase na súa obra pictórica, na que retrata ademais o mundo rural da montaña.

 

 

Despois regresaba á súa casa, Valbuxán, onde desenvolveu unha inxente obra literaria, algunha publicada e moita outra que aínda permanece inédita.

Non eran nada frecuentes as súas aparicións en público. Unha das últimas tiña lugar o 30 de decembro de 2018 con motivo da inauguración dunha escolma da súa obra na Casa do Concello de Vilariño de Conso. A morte deste creador supón unha gran perda para a arte valdeorresa.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Aínda che quero o mesmo

Poema do libro “Itinerario poético seleccionado” de Xosé de Valbuxán (páxs. 443-444)

¿Recordas, Virxe María,
o que che quixen de neno?
Pois anque non o pareza
aínda che quero o mesmo.

O que pasa é que a Vida
con tanta loita e trafego
tenme todo atafegado
tenme apreixado dafeito
ó me manter á procura
do meu cotián seguer sendo
que con ir sobrevivindo
abofé de abondo teño.

¿Recordas Virxe María
o que che quixen de neno?
¿E cómo ó tanto ca min
ía o teu amor crecendo?
¿Recordas Virxe María
cómo despois no colexio
meu amor por ti era tanto
que non me cabía dentro?
¿E como en certa ocasión
guiado polo Pai Anselmo
a miña consagración
me dando a vós por enteiro
siñei co meu propio sangue
para ser por sempre teu servo
fidel, teu amante escravo
xurándoche amor eterno
segundo un antergo rito?

¿E xa despois no extranxeiro
cómo tamén te lembraba
o meu corazón maltreito
no seu cotián laborar
no seu cotián desespero?
Pois anque non o pareza
aínda che quero o mesmo.

O que pasa é que a Vida
cos seus loucos devaneos
lévame e vaime levando
após de cousas sen senso.
O que pasa é que a Vida
tenme apreixado dafeito
e para as cousas do espírito
apenas me deixa tempo.

Prégoche, Virxe María,
miña amada nai do ceo,
que cando me chegue a hora
o teu amantiño peito
sexa o meu doce fogar
sexa o meu fogar eterno
que xa de tanto bregar
canso estou, veño desfeito.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close