En portadaÚltima hora

Falece o bispo de Astorga, Juan Antonio Menéndez

O pasamento tiña lugar na tarde do 15 de maio a causa dun infarto
Juan Antonio Menéndez nunha visita á parroquia ruesa de Santo Estevo.

Juan Antonio Menéndez Fernández, bispo da Diócese de Astorga, falecía na tarde de hoxe, mércores 15 de maio a causa dunha parada cardíaca. Segundo as primeiras informacións, todo apunta a que foi un infarto e malia que os servizos de emerxencias do 112 intentaron varias veces a súa reanimación, non o conseguiron.

Menéndez naceu en Villamarín de Salcedo, en Grado (Asturias) e foi ordeado como sacerdote o 10 de maio de 1981. Licenciado pola Universidade Pontificia de Salamanca en Dereito Canónico, durante o seu ministerio sacerdotal tivo entre as súas responsabilidades a de coadxutor de Santa María Magdalena de Cangas del Narcea, párroco e arcipreste de Taverga, vicario episcopal da Vicaría de Oriente, canónigo da Catedral, párroco de San Antonio de Padua en Oviedo, vicario episcopal de Asuntos Xurídicos e párroco de San Nicolás de Bari de Avilés.

Foi nomeado bispo da Diócese de Astorga en novembro de 2015 en substitución de Camilo Lorenzo Iglesias, tomando posesión do cargo o 19 de decembro dese mesmo ano, e a finais de 2018 foi elixido para presidir a comisión de traballo creada pola Conferencia Episcopal Española para actualizar os protocolos de actuación da Igrexa para responder ante os casos de abusos a menores.

No momento do seu falecemento o sacerdote tiña 62 anos.

 

O bispo de Astorga na celebración dos 300 anos da confraría da Virxe do Rosario en San Xoán de Barrio. /Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button