En portadaÚltima hora

Falece o lanzador de xavelina valdeorrés Luis Nogueira, varias veces campión do mundo máster

O seu enterro será o 3 de abril ás 13h. no cemiterio parroquial de San Vicente (Vilamartín)

Luis Nogueira lanzando a xavelina hai uns anos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Loito no mundo do atletismo. Neste 1 de abril Valdeorras di adeus a un dos seus atletas veteranos máis recoñecidos e queridos pola súa gran calidade humana: o lanzador de xavelina vilamartinés Luis Nogueira, que falecía na súa casa do Barco aos 65 anos.

A noticia vén de facela pública o Club Adas, cuxa camiseta vestíu durante décadas este atleta. “No día de hoxe deixounos unha das figuras máis grandes que ten dado o atletismo valdeorrés, tanto deportivamente como humanamente”, destacaba o presidente do Adas, Agustín González. “Foise sen ruido, con esa discreción e saber estar que sempre o caracterizou, rodeado da súa familia máis estreita e recibindo o cariño dos seus achegados”.

Hai apenas uns días a Federación Galega de Atletismo rendíalle unha emotiva homenaxe dedicándolle o cartel oficial do Campionato Galego de Pentatlon de lanzamentos máster deste ano.

Tamén a Federación Galega de Atletismo vén de comunicar que, “cun profundo dor, na FGA recibimos a mala nova do falecemento de Luis Nogueira. Déixanos un dos grandes atletas e meillor persoa do deporte galego. Tras él moito baleiro, pero un legado de humanidade e valores insuperables”.

 

Luis Nogueira./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así mesmo, o Concello do Barco, onde residía o atleta, expresaba o seu sentimiento de pesar !a todas ás súas familias -a de sangue, a dos amigos, a dos atletas, a do hospital, a dos veciños-. Hoxe deixounos un gran atleta pero, sobre todo, deixounos unha gran persoa”.

E dende o Concello de Vilamartín, onde nacía o atleta, decretaba dous días de loito oficial e anunciaba que as bandeiras ondearán a media asta.

Natural de San Vicente de Leira (Vilamartín), Luis Nogueira Fernández, celador de profesión no Hospital Público de Valdeorras, contaba cunha destacada traxectoria deportiva como atleta máster, con cinco plusmarcas nacionais máster e varios títulos de campión mundial de aire libre o lanzamento de xavelina. A súa útima competición mundial disputábaa en setembro de 2018, facéndose coa medalla de prata en xavelina M60 en Málaga.

Ademais Luis Nogueira recibía unha das 26 Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2018 que se entregaban no Auditorio de Abanca de Santiago de Compostela.

 

 

Era tamén unha persoa apaixoada da natureza, do deporte, da súa comarca Valdeorras e un gran afeccionado ao mundo da fotografía.

O seu enterro está previsto para o vindeiro 3 de abril ás 13h. no cemiterio parroquial de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras). A súa capela ardente está instalada no Tanatorio La Cruz do Barco, se ben, na súa esquela indícase que “por motivos sanitarios non se recibe dó”.

Máis información:
https://osil.info/falece-o-lanzador-de-xavelina-valdeorres-luis-nogueira-varias-veces-campion-do-mundo-master/

 

Artigos relacionados

Back to top button