ConcellosÚltima hora

Falece o petinés Antolín Rodríguez, axente de espectáculos musicais durante case 50 anos

O seu funeral terá lugar mañá sábado ás 12h. na igrexa parroquial de Petín

O petinés Antolín Rodríguez Alonso./ Imaxe cedida.

 

Era un emprendedor e sempre poñía en marcha os seus proxectos con ilusión e no momento xusto. Natural de Petín, do barrio da Ponte, Antolín Rodríguez Alonso era xastre de profesión. De feito rexentaba xunto ao seu pai unha xastrería nesta vila, pero sempre apostou por ir máis aló, poñendo en marcha novas iniciativas.

Cando se iniciou a construción dos encoros en Valdeorras decidíu mercar un coche e sacar unha licenza de taxi, dando así servizo ás persoas que se movían en torno a esta actividade. Despois montaba unha tenda na Rúa e, finalmente, convertiríase en axente de espectáculos musicais e doutro tipo, actividade á que lle dedicou uns 50 anos (ata a súa xubilación) e que o fixo unha persoa moi coñecida e querida non só na parte oriental da provincia de Ourense, senón noutras zonas como as comarcas de Quiroga (Lugo) e do Bierzo (León), así como en poboacións importantes de Cataluña, a través da emigración.

Este petinés chegaba ao mundo dos espectáculos case por casualidade. Cando tiña o taxi levaba ao grupo Os Ovnis de Petín aos lugares das actuacións. A Antolín Rodríguez tamén lle gustaba a música, de feito tocaba a guitarra, e no primeiro concerto que deron, en Santa María de Trives, “o meu pai dedicouse a cambiarlles as cordas ás guitarras porque rompíallas todas”, conta o seu fillo Juan José Rodríguez “Chavito”. A partir de aí comezou a levar a organización de festas, outro acerto, xa que naquel momento só había outra persoa na provincia que se dedicaba a esta actividade.

Coa súa longa traxectoria de case medio século á fronte de Musicales Antolín, empresa con sede na Rúa, impulsou as festas en diferentes comarcas e ademais xerou estreitas relacións de amizade nelas.

Antolín Rodríguez Alonso, viúvo de María Teresa Losada e con dous fillos (Juan José e Sonia), falecía neste 22 de abril aos 90 anos. A súa capela ardente está instalada no Tanatorio San Antón da Rúa. A súa familia, veciños e amigos daranlle a súa derradeira despedida mañá 23 de abril nun funeral previsto ás 12h. na igrexa parroquial de Petín.

Artigos relacionados

Back to top button