OurenseÚltima hora

Falece o sindicalista Etelvino Blanco

A partir das 11 horas deste venres estará no tanatorio das Burgas e mañá sera incinerado, por expreso desexo da familia, na intimidade
Etelvino Blanco durante unha manifestación en Ourense./ Foto:Carlos G. Hervella.

 

O seu nome ten sido unha referencia na loita sindical nas últimas décadas na provincia de Ourense. Unha loita que enfiaba ademais dende o eido nacionalista a través da Confederación Intersindical Galega (CIG) e á que dicía adeus onte. O 11 de xullo falecía aos 64 anos Etelvino Blanco, “un loitador incansábel, sempre entregado á defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Ourense, onde estivo á fronte do sindicalismo nacionalista, como secretario comarcal, até a súa xubilación, no ano 2017”, tal e como recordan os seus compañeiros da CIG, que tamén destacan o seu compromiso social.

A finais dos anos 70 tomaba parte nas folgas do sector de Construción e Madeira, “das primeiras que se producían en Ourense, e en conflitos tan duros tan duros como o de Citröen, a finais dos anos 80”, segundo a CIG, que agora amosa o seu pesar polo pasamento do seu compañeiro.

 

Tamén dende outros sindicatos como CCOO e entidades políticas como Esquerda Unida e a Plataforma Ourense Mellor, na que tivo a súa primeira experiencia na política municipal, tamén se teñen emitido notas de pésame. No caso desta última amosábanlle o seu agradecemento a Etelvino Blanco por “crer en nós, por agasallarnos cos teus últimos folgos. O teu sorriso e a túa mirada tenra eran suficiente arroupo para rachar co medo escénico nos primeiros mítins, nos que nos temblaban as pernas”.

A partir das 11:00 horas deste venres estará no tanatorio das Burgas e mañá sera incinerado, por expreso desexo da familia, na intimidade, segundo informa a CIG.

Artigos relacionados

Back to top button