En portadaÚltima hora

Falece Santiago Melo, vicepresidente de AEVA e ex edil barquense

O seu funeral terá lugar o domingo 2 de maio ás 17h. na Igrexa de San Mauro no Barco

Santiago Melo Moreno, vicepresidente de AEVA e xerente de Talleres Meleiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O sector empresarial valdeorrés está de loito. Neste día coñecíase a nova do falecemento do barquense Santiago Melo Moreno, xerente de Talleres Meleiro (empresa fundada polo seu avó) e vicepresidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Era unha persoa moi coñecida e querida, que sempre traballou e defendeu, dende diferentes ámbitos ao Barco e á comarca.
Na década dos 90 foi concelleiro e tenente de alcalde baixo as siglas do PP, con Julio Gurriarán na alcaldía. Nesta etapa foi un dos promotores, en 1992, do hoxe “tradicional” Madrugón co que arranca o día grande das Festas do Cristo.

Tras once anos na política municipal, decidía pechar esta etapa e voltar a centrarse no mundo da empresa. Foi un momento que coincidía coa decisión de María Carmen Rodríguez de deixar a presidencia de AEVA e Melo collía o relevo.

Presidiu durante 8 anos a AEVA (entre o 2000 e o 2008), traballando de xeito especial polas infraestruras da comarca e do seu solo industrial, o que el denominaba “as eternas reivindicacións”.

Tamén foi un dos promotores da creación do Barco Centro Comercial Aberto, o primeiro da provincia de Ourense. Sempre dicía que ese labor non sería posible sen o traballo en equipo. “Todo este inxente traballo non tería sido posible sen a implicación das xuntas directivas e dos asociados de AEVA, que son os que nos sosteñen”. Foi ademais o primeiro valdeorrés en ocupar unha vicepresidencia da Confederación Empresarial de Ourense, entidade á que representaba na mesa de Infraestruturas do Pacto Social de Galicia. Tamén formou parte do grupo de Agader en Valdeorras e do padroado de Expourense, entre outras entidades.

Malia deixar a primeira liña da asociación, Santiago Melo continuaba traballando para AEVA, xa como vicepresidente, cargo que ocupaba ata o seu falecemento. Ademais, sempre apostou por unha man para empuxar a súa localidade natal no ámbito sociocultural e deportivo. Non en van formou parte das xuntas directivas do club de baloncesto, do Casino, do Karate Club River Stone ou do Club Peña Trevinca-Barco, entre outros.

Santiago Melo, casado con Minocha Vázquez, e con tres fillos (Elena, Santiago e Jorge), era un gran apaixoado da natureza e da montaña e nos últimos anos era habitual velo participando en diferentes marchas de montañas na zona.

O funeral

A súa capela ardente está instalada no Tanatorio Santa Rita do Barco, na Sala 1. Está restrinxido o acceso á sala do tanatorio a 10 persoas como máximo, sexan ou non conviventes, respectando as normas de seguridade establecidas.

O funeral de Santiago Melo está previsto para o domingo 2 de maio ás 17h. na Igrexa de San Mauro no Barco.

Máis información:
https://osil.info/aeva-e-o-barco-cca-vistense-de-loito-para-despedir-a-santiago-melo-moreno/

Artigos relacionados

Back to top button