En portadaSanidadeÚltima hora

Falece unha nova paciente con coronavirus no Hospital de Valdeorras e outro no de Verín

A provincia de Ourense rexistra 1.041 casos activos, segundo a última actualización da Consellería de Sanidade

 

A provincia de Ourense rexistra dous novos falecementos nas últimas horas por coronavirus, dos nove rexistrados en Galicia. Trátase dunha paciente de 94 anos que estaba ingresada no Hospital de Valdeorras, coa que se elevan xa a 11 os pacientes falecidos con COVID-19 no centro barquense.

Ademais perdía a vida un varón de 81 anos no Hospital de Verín. No resto de Galicia houbo outros sete falecementos de persoas infectadas con coronavirus: unha muller de 71 anos, unha muller de 87 anos, un varón de 77 anos e un varón de 88 anos que estaban ingresados no CHUAC. Un varón de 59 anos ingresado no CHUS e unha muller de 87 anos ingresada na Rosaleda.

1.041 casos activos de coronavirus en Ourense

O número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 5.551, segundo a última actualización feita pública dende Sanidade. Dese total 1.148 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 1.041 da de Ourense, 470 da de Pontevedra, 1.069 da área de Vigo, 939 da de Santiago, e 321 da de Ferrol.

Así a área ourensá é a terceira de Galicia con máis positivos, só despois da Coruña, e moi preto dos casos rexistrados na de Vigo.

Do total de pacientes positivos na comunidade galega, 154 permanecen en UCI, 794 están en unidades de hospitalización e 4.603 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 910 altas de pacientes e 297 falecementos. Así o total de casos contabilizados ata o momento en Galicia suma 6.758.

O número de PCR realizadas é de 36.799.

Dende Sanidade non se facilitaron polo momento datos desglosados de casos de coronavirus na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Artigos relacionados

Back to top button