En portadaÚltima hora

Falecen dúas pacientes diagnosticadas de coronavirus no Hospital de Valdeorras, que conta con 13 positivos ingresados

Dos 694 casos activos por coronavirus na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, un total de 524 permanecen a seguemento nos seus domicilios e 170 están ingresados, deles 18 en UCI

Hospital de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A provincia de Ourense vén de rexistrar nas últimas horas outros dous falecementos debido ao Covid-19. Trátase de dúas mulleres de 82 e 90 anos que estaban ingresadas no Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Ademais falecían dous pacientes de 74 e 78 anos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e outros dous varóns de 83 e 75 anos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). “Todos tiñan patoloxías previas”, informa a Consellería de Sanidade.

Por outra banda, dos 694 casos activos por coronavirus na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, un total de 524 permanecen a seguemento nos seus domicilios e 170 están ingresados, deles 18 en UCI.

No Hospital Universitario de Ourense hai 145 pacientes en planta e 17 en UCI. No Hospital de Valdeorras son 13 os pacientes ingresados en planta e no Hospital de Verín, 8.

Ademais na Clínica El Carmen hai dous pacienes ingresados e no CO.SA.GA outros dous pacientes, un deles na UCI. Os 18 pacientes ingresados en UCI na área ourensá son de prognóstico grave, segundo sinala a Consellería de Sanidade.

O total de casos rexistrados na provincia ascende a 756, con 26 altas e 23 falecementos, segundo os últimos datos facilitados dende a Consellería de Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button