ConcellosEn portadaÚltima hora

“Famtrip” de operadores de turismo para achegar a oferta turística do GDR Sil-Bibei-Navea

Esta iniciativa enmárcase no proxecto "A cociña de Silbiña" que busca incentivar a promoción de produtos e transformadores locais ligados a experiencia turísticas

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea segue realizando accións para impulsar o proxecto “A cociña de Silbina”, que busca incentivar a promoción de produtos e transformadores locais do sector agroalimentario e experiencias turísticas vinculadas a eles. Un impulso turístico que pode ser aproveitado por empresarios asentados no territorio, con foco nos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, carne, queixos, mel, marmelada, cogomelos, castañas, bica, embutidos, licor café, augardente ou novos produtos como a cervexa.

Nesta ocasión a acción centrouse na organización dun “famtrip” no que participou un grupo de operadores de turismo galegos para poder coñecer de primeira man a oferta turística do territorio mediante a visita a varios produtores que ofrecen experiencias turísticas vinculadas á súa actividade produtiva. Unha produción de mel, unha gandería, un obradoiro de bicas, unha adega e unha destilería de licores e cervexeira artesanal foron os produtores que participaron nesta acción promocional.

Pola tarde, organizouse un workshop na Reitoral de Parada de Sil no que participaron os operadores de turismo e un grupo de produtores locais, así como empresarios que ofrecen servizos de aloxamento, para intercambiar opinións e poder recoller propostas para a creación de paquetes turísticos. A sesión, coordinada polos consultores responsables do proxecto, achegou diferentes liñas de actuación de futuro que xunto aos resultados dun cuestionario que se lanzou ao conxunto de produtores do territorio espera marcar novas acción promocionais para ser desenvoltas polo GDR Sil-Bibei-Navea.

 

 

 

O proxecto Silbina consta dunha páxina web (www.silbina.org) con información de aloxamento, restauración e de produtores asentados no territorio. Tamén se mostran vídeos para a promoción de produtos de cabeceira e figura un mapa turístico cunha ruta polo territorio para gozar da oferta gastronómica, festas e principais recursos dos concellos que configura este GDR: Parada de Sil, A Teixeira, Pobra de Trives, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Montederramo, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e San Xoán de Río. Tamén se deseñou un adhesivo cun código QR que permite acceder a toda a información e que está visible na maior parte de establecementos comerciais dos 10 concellos.

“Trátase de dar a coñecer as inmensas posibilidades do noso território aos tours operadores para que podían facer paquetes turísticos. O proxecto desenvólvese dentro da promoción e animación do territorio e foi levado a cabo por unha empresa seleccionada por unanimidade pola xunta directiva do GDR, así que estamos contentos de dar un paso cualitivo importante”, explica o presidente do GDR Sil-Bibei-Navea, Francisco Magide.

Artigos relacionados

Back to top button