ConcellosQuirogaÚltima hora

Farase un cribado de Covid en Quiroga, que xa chega aos 95 casos activos

Realizarase a partir do vindeiro luns, tal e como vén de anunciar o Concello

Fachada da Casa do Concello de Quiroga.

 

Quiroga rexistra 95 casos activos de Covid, 12 máis que onte, segundo os datos datos comunicados ao Concello por parte da Consellería de Sanidade (actualizados o 26 de xaneiro ás 18h.). “Con estes datos e a pesar xa de levarse máis de 350 probas diagnósticas feitas a veciños de Quiroga, o Sergas decidiu realizar un cribado masivo da poboación a partir do luns”, tal e como vén de informar o Concello. O rexedor local, Julio Álvarez, vén pedindo dende o sábado, cando se coñecía o positivo de 18 persoas nun só día, que se realizara un cribado da poboación.

“O Sergas está agora organizando como se realizará e onde, así como cal é a poboación susceptible de facelo. Aínda que todo apunta a que serán probas de antíxenos, o único claro polo momento é que se realizará polas tardes a partir do luns e que será persoal do Sergas o que se poñerá en contacto coas persoas que terán que facelo para comunicarlles cando e onde deberán facer as probas”, adianta o Concello de Quiroga.

Estes datos coñécense o mesmo día en que entran en vigor as novas medidas que decretou a Xunta de Galicia para tentar atallar esta terceira onda da pandemia: peche perimetral do municipio, limitación das reunións sociais ás persoas conviventes e mantense o toque de queda ás dez da noite, entre outras medidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button