CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Farlopa.Fanzine, unha aposta polo papel na procura do talento verinés

Este proxecto cultural, promovido por Alejandro Nieves e Sabela Souto, tamén se centra en organizar eventos e actividades que se moven nos diferentes eidos culturais

Alejandro Nieves e Sabela Souto, con varios exemplares de Farlopa.Fanzine./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

“Somos de Verín e vendemos fanzines. Tamén facemos cousas: xestión cultural, fotografía e vídeo, comunicación e marketing”. Así se presentan nas redes sociais os promotores de Farlopa.Fanzine, unha singular revista que nacía en abril do 2020, en pleno confinamento, froito das inquedanzas culturais e do afán por dinamizar Verín de dous mozos deste concello: Alejandro Nieves e Sabela Souto. “Foi case de broma, un día falando, vimos que tiñamos ideas en común e pensamos ¿por que non as imos a poñer en marcha? E así foi como creamos o proxecto e nacimos, xa como revista, en xuño do 2020”, conta Alejandro Nieves.

Farlopa.Fanzine é “unha revista impresa e física que facemos entre dúas persoas e na que entrevistamos ou facemos reportaxes sobre xente de Verín que como, dicimos nós, fai cousas, artistas de todo tipo que nos chaman a atención. Dese xeito pretendemos dar a coñecer a esas persoas e tamén poñernos en contacto, porque si que é verdade que en Verín hai moita xente que canta, pinta, baila, de todo… e a verdade é que non nos coñecemos entre nós. E con esa idea naceu a revista”, explica Sabela Souto. Ademais chega á rúa con cada estación do ano.

Outra singularidade do proxecto, cun carácter totalmente altruísta, é que estes dous xoves, malia moverse permanentemente nas redes sociais, apostan polo papel como formato para a revista. “É bastante curioso, si que é verdade que seguramente teña máis repercusión o que publicamos en redes sociais, pero o papel posúe esa cousa máxica… Tan pronto nolo compra alguén de 17 anos como alguén de 70 anos, entón tamén é unha maneira de que este traballo non se quede só no mundo das redes sociais, senón de sacalo fóra e que a xente que non estea nese ámbito que tamén poida coñecer aos artistas”, asegura Nieves.

Ademais, engade Sabela Souto, “notamos que as persoas que o compran danlle un valor maior que á propia publicación que facemos en redes sociais, e si que hai xente que está atenta a compralo e iso está ben. Persoalmente penso que nas redes sociais as publicacións que facemos teñen moita visibilidade, pero, unha vez que mercas o fanzine, e queres lelo, préstaslle outra atención. Por moito que esteamos todo o día con móbil, a verdade é que pouca atención prestamos ao que estamos vendo, sen embargo, se temos algo físico diante eu creo que a nosa atención é maior”.

 

Os responsables de Farlopa.Fanzine na campaña “#ElasFAN”./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

Pero o seu proxecto pretende ir moito máis alá da revista. “Digamos que naceu como fanzine, pero despois estamos intentando levalo ao mundo físico intentando organizar eventos e actividades coa mesma filosofía: poñernos en contacto coa xente que fai cousas, intentando traballar xuntos, remar na mesa dirección, dándolle visibilidade aos artistas locais”, asegura Alejandro Nieves.

Nesa liña ían xurdindo iniciativas como a “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín” (coa colaboración de Akasha Laboratorio Audiovisual e co apoio do Concello), que reunía en decembro do pasado ano a unha vintena de axentes culturais desta comarca e doutras zonas próximas como Chaves; iniciativas de sensibilización, a campaña “#ElasFAN” para dar visibilidade ás mulleres da comarca de Verín que “fan cousas” no ámbito cultural; na primavera levaban adiante a iniciativa “Sónasme”, unha serie de sesións musicais online; ou xa no verán unha serie de concertos nun bar verinés.

 

Imaxe da “Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín”./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

“A nosa idea dende un principio era tamén darlle tamén a posibilidade á xente de asistir a eventos, que agora mesmo estamos moi faltos deles por causa do Covid. Queríamos intentar continuar con isto e chegar a facer eventos un pouquiño máis grandes”, sinala Sabela Souto.

Este verán a revista Farlopa Fanzine como tal cumpría un ano e os seus creadores están moi contentos coa acollida. “Temos un público moi fiel e, sobre todo, con moito interese polo noso proxecto e que responde moi ben ás actividades que plantexamos e incluso nos propoñen cousas, porque eles teñen en mente outras actividades, por se lles podemos botar unha man”.

 

Imaxe da campaña de sensibilización realizada durante o Entroido de Verín./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

De feito, teñen en mente moitos e novos proxectos de cara a este outono, “que estamos medio pechando, en outubro poderemos contar máis”, din. E, a maiores diso, xa retomaron en setembro o proxecto audiovisual “Sónasme”. Consiste en sesións musicais gravadas dende a galería da “Casa do Comercio”, o emblemático edificio da Praza García Barbón de Verín, que logo poden verse na canle de youtube Farlopa.Fanzine. Con esta actividade, pretenden “mesturar música e patrimonio co fin de continuar dinamizando o tecido cultural da comarca, convertendo ademais ese patrimonio o escenario dun festival musical online que agarda acoller as actuacións de moitos músicos “.

 

Unha das sesións musicais de “Sónasme”./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

E, nese senso, fan unha chamada á participación nesta iniciativa tanto a autores de Verín como doutras comarcas. “Queremos facer unha invitación a todos os artistas aos que lles apeteza participar, nós estamos abertos a todo tipo de estilos e vídeos que queiran facer. Se queren sumarse ao noso proxecto só teñen que falarnos por calquera das nosas redes sociais e estaremos encantados de atendelos. Se son de fóra de Verín, teríanse que desprazar ata aquí, pero por nós non habería problema ningún”, conclúe Sabela.

 

Gravación dunha sesión de “Sónasme”./ Foto: Farlopa.Fanzine.

 

Artigos relacionados

Back to top button