“A farmacia aínda non saíu da crise”

Vicente J. Álvarez Fernández, presidente o Colexio de Farmacéuticos de Ourense, que cumpre o seu centenario neste ano 2018

Vicente J. Álvarez, presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense (COFO)./Foto: Carlos G. Hervella.

 

A súa ilusión era ser farmacéutico nun pobo pequeniño. E, despois de 15 anos traballando en Santiago, Ferrol ou Narón, o ferrolán Vicente J. Álvarez facía realidade ese desexo ao mercar a farmacia do Bolo no 2006. “Tomei a decisión de virme ao outro extremo de Galicia e ao rural, pero non me equivoquei porque nun pobo esta profesión pode desenvolverse de forma máis plena que nunha cidade. Síntome moi orgulloso de ser farmacéutico de pobo. Dende entón, vendo o contexto do rural, tamén empecei a loitar por el”, asegura.

Era precisamente esa inquedanza a que o impulsaba a entrar na directiva do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense (COFO) no 2009. “Pretendía ser vogal de farmacias rurais pero como esa vogalía non existía, convencéronme para que traballase por ese ámbito dende a vicepresidencia”. A demisión do daquela presidente do colexio fixo que asumise a presidencia en funcións no 2010. Logo, tramitou a convocatoria de eleccións e resultou elixido presidente no 2011, renovando o seu mandato hai dous anos. Agora prepara os actos do centenario do COFO no 2018, unha celebración da que se fará partícipe á sociedade.

¿Que balance fai destes sete anos á fronte do COFO?

Estou moi contento do traballo realizado, aínda que é un labor duro, que che dá moitos problemas e quebradeiros de cabeza, sobre todos nestes anos tan duros a partires do 2010, cando empezou a crise na farmacia. Comezaron a baixar os prezos dos medicamentos, entrou o copago… e a economía na farmacia viuse moi alterada, en especial nas do rural onde se depende ao completo do sistema sanitario, temos pouco fluxo de xente para parafarmacia, cremas… por iso sufrímolo máis. Houbo que loitar moito para que todas as farmacias tivesen a posibilidade de manterse abertas e niso estamos ata agora porque a farmacia aínda non saíu da crise. Estamos aguantando e parece que as cousas empezan a mellorar pouco a pouco.

¿Cantas farmacias hai na provincia de Ourense?
Hai 185 farmacias, das que 104 están no rural. E desas 104 unhas 72 son únicas no seu concello, algo que dá idea do importantes que son as farmacias nesta provincia para o propio sostemento da súa estrutura demográfica e territorial. Vivimos nos pobos, estamos sempre accesibles e a xente pídenos consello permanentemente, cando non está o médico acuden ao farmacéutico. A parte diso son un negocio importante na economía rural.

¿O labor do farmacéutico no rural é distinto ao que fai nunha cidade?
Nunha farmacia grande e con moitísima xente o traballo é completamente distinto. No rural hai moita máis relación e cercanía coas persoas, estás resolvendo problemas día a día, xestionando medicación, axudando… e a xente confía en ti como en ninguén máis. E iso fai que o labor no rural sexa moito máis bonito e que te encha como farmacéutico.

Ser farmacéutico non é simplemente vender un medicamento.
Efectivamente. O medicamento é unha das cousas máis importantes que pode ter hoxe a sociedade e a función do farmacéutico é ocuparse de toda a súa cadea, garantindo a súa veracidade e autenticidade, recibíndoo e manténdoo en condicións no proceso da dispensión e despois adaptándose á tarxeta electrónica para estar dentro do sistema, controlando a medicación da xente e, xa antes da dispensación, as contraindicacións e efectos secundarios que pode ter ou non ese medicamento. Por tanto, daslle á xente o seu medicamento cos consellos pertinentes e, sobre todo no rural, escribimos directamente nas caixas como o deben tomar, cantas veces… Ademais seguimos o proceso de facturación dos medicamentos e da recollida de residuos, aí acabaría a cadea. Tamén aconsellamos sobre temas de parafarmacia e coidado da saúde en xeral.

¿As farmacias seguen facendo preparados específicos que non están no mercado para determinados pacientes?
Non todas, pero un 40% das farmacias fan o que se chama formulación maxistral. Cunha prescrición dun médico que o pide para el, preparas na farmacia un medicamento que non existe non mercado e vai levar unha fórmula soamente para el. Iso faise con todas as garantías de trazabilidade, de etiquetado, ten moitísimos procesos, lexislación e burocracia. Cando cheguei ao Bolo non había laboratorio de formulación maxistral e foi case o primeiro que fixen cando collín a farmacia: crealo e elaborar fórmulas maxistrais. Para min é o máis bonito de todo.

¿Cantos profesionais colexiados hai na provincia de Ourense?
Somos 570 farmacéuticos, de aí 185 son titulares de oficinas de farmacia e preto de 400 traballan en farmacias como adxuntos. Tamén hai farmacéuticos en hospitais, na industria farmacéutica, na docencia, na investigación, nas análises clínicas… estamos moi repartidos. O COFO organiza a profesión, vela por ela e por que se cumpra a lei e se faga cumprir. Temos un código deontolóxico e somos os interlocutores oficiais da profesión coas administracións.

O COFO cumpre no 2018 o centenario da súa creación, ¿como o están celebrando?
Antes de ser colexio de farmacéuticos eramos Colexio Médico-Farmacéutico o que amosa os lazos tan estreitos que nos unen cos nosos compañeiros os médicos. O COFO constituíase oficialmente como un ente provincial que englobaba a todas as farmacias o 3 de xaneiro de 1918, cando 34 farmacéuticos xuntábanse no salón de plenos da Deputación de Ourense. Por iso o vindeiro 3 de xaneiro convidamos nese lugar a todos colexiados para facernos unha foto. O acto central do centenario será en abril cunha misa na catedral e un acto no Liceo, e durante o 2018 faremos actividades como carpas da saúde na capital e visitas a lugares como o Mosteiro de Oseira xa que é nos mosteiros onde nace a farmacopea, iso únenos coa tradición, co pasado, coa grandeza da profesión.

Texto: Ángeles Rodríguez.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies