CulturaCulturaÚltima hora

Fátima Delgado amosa ao Florencio que hai detrás do literato, no Barco

Esta actriz, poeta e tamén familiar do autor corgomés presentaba no De Perto a proposta "O tío Florencio"

 

Guadalaxara. Nova Galicia, 2 de abril de 1977. Dando lectura a este encabezamento e a carta da que formaba parte, escrita por Florencio Delgado Gurriarán, a actriz e poeta Fátima Delgado comezaba o seu espectáculo “O tío Florencio”, adicado ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e parente seu, na tarde deste mércores no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco) dentro do “De Perto”. Unha carta dirixida á súa mai, Teresa, unha das moitas que se intercambiaban durante case unha década, xa que “ao tío Florencio gustáballe moito escribir”.

Tomando como fío principal a memoria familiar (de cartas, postais e anécdotas) Fátima Delgado ía construíndo un espectáculo, que ela denomina “conferencia documental”, no que alternaba a lectura con relatos como o da fuxida de España de Florencio Delgado Gurriarán, primeiro por Portugal, onde cruzaba a fronteira en Tourém disfrazado de topógrafo e non de cura como “a min sempre me contaron”; logo ata Francia e, finalmente, a bordo do Ipanema ata terras mexicanas.

 

 

 

Ademais na súa intervención Fátima Delgado referíase ao altar mexicano montado no escenario como ofrenda ao poeta, como un convite para que tamén se sumase a este acto, mentres ela ía compoñendo a súa persoa ante os asistentes, “máis aló do mito” e do literato, e mesmo levando a cabo unha conversa ficcional con el.

“Cantarenas na noite”, o venres

A seguinte cita do ciclo “De Perto”, será o vindeiro venres 8 de xullo ás 20:30h. da man do actor e músico Paco Campos e do produtor Domingo D. Díaz con “Cantarenas da noite”, un recital poético musical con soporte audiovisual. O escenario será o mesmo, o Xardín da Casa Grande de Viloira.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button