CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Fátima N. Delgado conducirá a gala do pregón da XIX Festa do Botelo

A poetisa valdeorresa presentaba o seu poemario Ninfopoética na Biblioteca Municipal FDG do Barco

Mañá, sábado 19 de xaneiro en torno ás 12h. a poetisa valdeorresa Fátima N. Delgado subirase ao escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras para conducir a gala do pregón da XIX edición da Festa do Botelo. Un acto no que estará acompañada polo coñecido humorista e presentador da TVG Roberto Vilar (encargado de ler o pregón), do grupo de versións Los Íñigos (encargado da banda sonora) e dos responsables do Restaurante Fernando III (a quen lle entregarán a mención de honra deste ano).

Iso será mañá, pero unhas horas antes, Fátima era a protagonista do seu propio acto. A Biblioteca Municipal FDG do Barco acollía na tarde do 18 de xaneiro, a presentación do seu poemario Ninfopoética, un libro de poemas escritos con apenas 20 anos que recentemente vía a luz da man da editorial brasileira Urutau. Presentada por Débora Álvarez (que leu en directo un dos poemas, Auga), e acompañada polo propio editor Wladimir Vaz e pola concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta, Fátima N. Delgado compartiu, ao ritmo dunha caixa de música primeiro e de sons electrónicos despois, algunhas das poesías que conforman esta obra que ela mesma define como “unha oda ao corpo, aos desexos e aos soños de xuventude”, un libro de primeiras experiencias que fala da adolescencia, un estado ao que todo o mundo desexa volver nalgún momento. Experiencias como as que conta en Al otro lado, o primeiro poema que leu en directo, que fala da súa terra, O Barco, “do Baranda, do Caos, os lugares aos que iamos con 20 anos, do río Sil, da pasarela,…”

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button