A Federación Galega de Atletismo premia a Valdeorras

Atletas valdeorreses, o Club Adas e o Periódico O Sil, galardoados na gala da Federación Galega deste deporte celebrada no Teatro Lauro Olmo do Barco

O Barco de Valdeorras convertíase na tarde do 12 de xaneiro, en punto de referencia para o atletismo galego. Pasadas as sete da tarde, o Teatro Lauro Olmo acollía a XI edición da gala anual organizada pola Federación Galega de Atletismo, co presidente Isidoro Hornillos á cabeza, premiando así o gran labor desenvolvido na comarca pola delegación.

Malia as ausencias, principalmente por motivos laborais, polo escenario do teatro pasaron algúns dos mellores atletas de toda Galicia, sendo 175 os galardoados nas diferentes categorías e modalidades, polos méritos deportivos na pasada tempada. Eran varios os premios que quedaban en casa. O Club Adas Proinor presidido por Agustín González, conseguía tres galardóns: pola súa prata no campionato de España de montaña masculino absoluto (cun equipo formado por Iván Cánovas, Alejo Ares e Iván Fernández); pola prata no campionato de España en 10 km ruta feminino (cun equipo integrado por Esther Navarrete, Leticia Fernández, Sandra Mosquera e Iria Fernández); e polo bronce no campionato de España medio maratón masculino (con Hasam Lekuili, Ricardo Vázquez e José M. Fernández).

Leticia Gil foi outra das triunfadoras da noite recollendo outros tres galardóns: como medallista internacional absoluta; pola mellor marca absoluta en lonxitude; e como membro da selección galega feminina.  Tamén foi premiado Carlos Revuelta e os veteranos valdeorreses José Fernández Nieves e Mónica Yáñez Pérez (medallistas nacionais 35), Raquel Lameiro (40) e Luis Nogueira (60). Ademais o Periódico O Sil recibía unha distinción “pola súa relevante contribución á difusión e divulgación do atletismo galego e, especialmente, da comarca de Valdeorras”.

Ana Peleteiro lograba o premio á mellor atleta absoluta feminina, mentres que o de mellor atleta masculino recaía na Selección Galega Absoluta formada por Darío Costa, Sergio Rodríguez, Mauro Triana e Chicho García.

O acto contou coa asistencia de representantes políticos galegos como a secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; e os alcaldes do Barco de Valdeorras, Alfredo García; e da Rúa, Luis Fernández; entre outros. Xunto a eles un importante elenco de representantes de organismos privados así como familiares e amigos dos galardoados que xuntos, compartiron unha pinchada nas dependencias do teatro, ao rematar a gala.

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies