ConcellosÚltima hora

A Fegamp demanda solucións tras a tráxica vaga de lumes en Galicia

Nunha declaración institucional, feita pública tras a comisión executiva desta entidade, tamén se pide “un paquete de medidas urxentes para paliar na medida do posible os graves danos ocasionados”
Imaxe da reunión da desta mañá da comisión executiva da Fegamp.

A comisión executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presidida polo alcalde do Barco, Alfredo García, mantiña unha reunión na mañá do 18 de outubro tras a cal emitían unha declaración institucional relativa á vaga de lumes que asolaba Galicia nestes últimos días. A entidade asegura nela que “choramos por todas as comarcas galegas, portuguesas e asturianas que teñen pasado por unha situación de alerta máxima debido á vaga de lumes que puxo en risco ás persoas, aos animais e ao medio ambiente” e incide en que esta traxedia “non marcha de balde de Galicia, senón que deixa xa detrás de si a 4 vítimas mortais, decenas de feridos e miles de hectáreas queimadas”.

Neste documento, consensuado polos membros da comisión executiva, tamén se fai referencia ás causas destes lumes. “As causas que se veñen barallando son diversas: cambio climático, efecto 30, abandono do monte, política forestal, intereses inmobiliarios, brigadistas cabreados, conflitos nas comunidades de montes, cotos de caza, terrorismo, tensións… Só unha investigación rigorosa poderá dar respostas”.

Destácase a actuación “inmediata” dos cidadáns ante a grave situación e sinálase que é “unha honra ver a todo un pobo loitando contra o lume, organizándose sen apenas medios e con pouca coordinación externa, para aproveitar todos os recursos dispoñibles”. Tamén se agradece o labor dos servizos de extinción, así como das forzas e corpos de seguridade, e faise unha “mención especial aos alcaldes e concelleiros que estiveron horas e horas ao fronte destes dispositivos”.

Para a Fegamp os “incendios destes días deben ser un punto e aparte para unha nova política fronte ao lume baseada na ordenación do territorio que evite que estes actos se repitan. Baixo o noso punto de vista, un monte que non produce é un monte que está condenado a arder. Temos que ser capaces entre todos e todas de consensuar como poñer en valor o noso monte para que isto non ocorra de novo”.

Finalmente, apúntase na declaración que “dende a Fegamp puxemos de manifesto no mes de xuño, tras o noso Consello Federal, a preocupación dos concellos ante a imposibilidade de facer fronte á limpeza das Franxas de Protección dos núcleos rurais pola falta de medios económicos e de persoal, así como a dificultade para identificar as aos titulares das parcelas e o acceso ás mesmas. Solicitamos tentar chegar a acordos que solucionaran este problema que nos preocupaba á hora de garantir a seguridade fronte a posibles lumes nos nosos municipios. Non recibimos outra resposta que unha carta recordatorio do que di a lei”.

Neste senso dende a Fegamp amosa a súa “disposición para falar coa administración na procura de solucións conxuntas aos problemas reais que existen no monte galego, como o son as franxas de protección dos 30.000 núcleos rurais que existen en Galicia”.

En base a isto, esta entidade demanda, segundo se indica na mesma declaración institucional: “a aprobación por parte da Xunta e o Goberno Central dun paquete de medidas urxentes para paliar na medida do posible os graves danos ocasionados, coñecer como se van a xestionar as axudas, as contías e o os criterios de reparto; a posta en común de todas as administracións relacionadas co monte para poñerse a traballar evitando así situacións como as vividas nos últimos días de cara a unha efectiva ordenación do territorio e da súa posta en valor; motivar ás industrias de aproveitamento agroforestal, así como a iniciativas particulares, para que se establezan nos territorios rurais; a posta en marcha unha rigorosa investigación para decretar as causas reais desta vaga de lumes; endurecer as sancións polo abandono e falta de limpeza das parcelas co fin de concienciar á poboación da importancia da prevención”.

Artigos relacionados

Back to top button