ConcellosÚltima hora

A Fegamp e a Consellería de Política Social abordan a nova axenda social de Galicia

Este documento reúne as futuras liñas de actuación que se van desenvolver para intentar atallar as situacións de pobreza e exclusión social en Galicia
O presidente da Fegamp, o alcalde do Barco Alfredo García, intervindo na reunión con responsables de Política Social.
O presidente da Fegamp, o alcalde do Barco Alfredo García, intervindo na reunión con responsables de Política Social.

A sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en Santiago acollía unha reunión da xunta de voceiros desta entidade, que preside o alcalde barquense Alfredo García; co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez e co director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

No decurso da xuntanza os representantes da consellería explicaban as futuras liñas de actuación que se van desenvolver para intentar atallar as situacións de pobreza e exclusión social en Galicia, que afectan a máis de 600.000 persoas, tal e como indicaba Rey Varela. Ademais o conselleiro entende que este novo documento debe estar baseado na “cooperación e no compromiso de todas as administracións en Galicia. A coordinación e a implicación de todos e todas é fundamental para tecer unha gran rede de apoio que nos permita combater a exclusión social de moitos colectivos e, moi especialmente, dos máis vulnerables”, engadía.

Esta reunión entre Política Social e a Fegamp tiña lugar na sede desta última entidade en Santiago.
Esta reunión entre Política Social e a Fegamp tiña lugar na sede desta última entidade en Santiago.

A Fegamp estudará a proposta para que os concellos participen como unha parte activa nas actuacións previstas por Política Social, que buscan implicar ademais ao resto de administracións públicas, medios de comunicación e outros axentes sociais. Neste senso o conselleiro destacaba a importancia do papel dos concellos na nova axenda social de Galicia xa que estes son “as institucións máis próximas á cidadanía e están en situación de avaliar en mellores condicións o grao e a diversidade da demanda de atención social, artellar a oferta e optimizar os recursos para mellorar a calidade da atención prestada no ámbito dos servizos socais”.

A intención é que en datas próximas se concrete a partida orzamentaria e se desenvolvan as medidas concretas para a atención nos servizos sociais.

Artigos relacionados

Back to top button