ConcellosÚltima hora

Fegamp e Xunta porán en marcha un plan conxunto para loitar contra a velutina

Estará dotado con 2,3 millóns de euros, procedentes de fondos propios da Xunta e ao Fondo de Cooperación Local

Niño de velutina retirado en Valdeorras.

 

“Concentrar os recursos e os esforzos, ofrecendo unha resposta profesional e eficaz, que será homoxénea en todo o territorio galego afectado pola velutina, liberando tamén aos GES deste labor o que lles permitirá estar centrados en exclusiva na xestión das emerxencias”. Este é o obxectivo do plan conxunto que a Xunta de Galicia e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) porán en marcha para loitar contra esta avespa invasora.

Presentábano esta mañá o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares. Rueda explicou que o Plan estará dotado con 2,3 millóns de euros, grazas a fondos propios da Xunta e ao Fondo de Cooperación Local, o que permitirá sufragar os gastos deste Plan de loita contra a velutina, un problema que segundo indicou o vicepresidente da Xunta se estende por practicamente todo o territorio galego.

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, na presentación do plan de loita contra a velutina.

 

Nestes últimos anos tense constatado un incremento na proliferación de vespa velutina continuado, e no que vai de ano foron neutralizados 15.000 niños. Polo que ante esta situación a Xunta decidiu redobrar esforzos neste eido, e actuar para frear a invasión desta especie invasora en colaboración coa Fegamp.

Dende o ano 2014 o Goberno galego conta cun programa de vixilancia e control fronte á vespa asiática e con distintos sistemas para retirada de niños, unha vez se recibe o aviso no teléfono habilitado no 012, polo cal son retirados con medios propios dos concellos en 124 municipios, chamados concellos colaboradores e no que tamén son partícipes os GES, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button