Concellos

Fegamp, Universidade de Vigo e Xunta asinan un convenio

O obxectivo deste acordo de colaboración é impulsar, difundir e mellorar a transparencia no ámbito local de Galicia
Un dos momentos da sinatura do convenio.
Un dos momentos da sinatura do convenio.

Para mellorar a transparencia nas administracións, ofrecer cada vez máis información aos cidadáns e construír unhas institucións máis eficientes, abertas e transparentes a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Universidade de Vigo e a Xunta asinaban na mañá do 18 de xullo un convenio de colaboración. No acto estaban presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente da Fegamp, o alcalde barquense Alfredo García.

Este acordo supón un novo paso de cara a continuar “traballando na colaboración entre a Xunta e concellos e sumar a dito proxecto á Universidade de Vigo para darlle un impulso, difusión e mellora da transparencia no ámbito local de Galicia”, segundo se apunta dende a Vicepresidencia da Xunta. Neste senso, un grupo de expertos no mundo municipal e adscritos á Universidade de Vigo (os que desenvolven a rede Localis) serán os encargados de colaborar no mellor desenvolvemento dese espazo web, facilitando o seu uso aos concellos e elaborando instrumentos e ferramentas como manuais e guías, para aproveitar máis aínda esta páxina web.

Por outra banda, a Fegamp, que preside o alcalde barquense Alfredo García, encargarase de difundir e promover dita colaboración entre os concellos e, a Universidade de Vigo, a través da rede Localis, colaborará no mellor desenvolvemento da web e potenciará un cambio de cultura no eido local a prol da transparencia.

A plataforma web é accesible a través da web www.eidolocal.gal e está en funcionamento dende o pasado mes de decembro. Os concellos poden empregala para facer pública a información de xeito directo, ou enlazando con outras plataformas que teñan xa en funcionamento.

Artigos relacionados

Back to top button