PolíticaÚltima hora

Feijóo afirma na Rúa que “o PP aporta experiencia fronte á inestabilidade e experimentos dun multipartito”

O candidato popular á presidencia da Xunta daba un mitin no Aguillón nesta primeira xornada de campaña electoral

 

O Aguillón da Rúa foi escenario do mitin do Partido Popular de cara ás eleccións galegas do 12 de xullo. Así, neste acto participaban o actual presidente da Xunta que volve a ser candidato por este partido, Alberto Núñez Feijóo, os membros da candidatura popular pola provincia e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Ademais, tamén estaba presente o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, entre outros representantes valdeorreses desta formación política.

O presidente da Deputación comezaba a súa intervención saudando aos alcaldes presentes “pero sobre todo ao de aquí, ao da Rúa, a Álvaro Fernández, xa que quero felicitalo pola súa labor”.

 

Alberto Núñez Feijóo durante a súa intervención.

 

Manuel Baltar proseguía coa súa intervención pedindo o apoio para o partido e para Núñez Feijóo “xa que presenta feitos, o aval do traballo realizado”. “Agora eliximos ao alcalde de Galicia. Sabemos que en Valdeorras e na Rúa temos o mellor aval para dicirlle á xente que vaia votar con total seguridade”, concluía, dando paso ao actual presidente da Xunta.

“Todo o mundo sabe que o Miño leva a fama e o Sil leva a auga. Aquí neste fermoso lugar da Rúa comezamos unha campaña electoral”, iniciaba a súa intervención Alberto Núñez Feijóo. Explicaba que despois de cumprir o prazo de convocatoria de 52 días “imos poder elixir o vindeiro 12 de xullo o destino de Galicia”.

Así, o tema da pandemia do Covid-19 foi recurrente na intervención do presidente da Xunta. “Fixemos o que sabemos facer, utilizar o sentimento cara Galicia, e o “sentidiño” nas nosas decisións”, dicía. Ademais, chamou a ir ás urnas e afirmou que os colexios electorais serán “un lugar seguro e sen risco”. “Votade e elixide en liberdade, decidide por vós”, pedía.

 

O alcade da Rúa, Alvaro Fernández xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.

 

Tras pedir unha participación masiva para elixir o mellor para Galicia “entre as dúas opcións posibles”, dixo que, o vindeiro 12 de xullo, “os galegos están chamados a escoller entre un multipartito ou un goberno, entre a inestabilidade ou a estabilidade, entre experimentos ou a experiencia ou entre ir á contra ou unirnos todos”.

“O emprego e a pandemia serán a nosa prioridade, o Partido Popular de Galicia está preparado”, proseguía. En materia industrial, afirmaba que o sector vitivinícola desta zona estaba na mellor situación antes da pandemia e comprometeuse a potenciar o medio rural.

Para concluír o acto, o candidato popular prometeu facer o Centro de Saúde se saía reelixido “porque A Rúa meréceo”. “Seguiremos traballando por esta comarca de lousa e de viño e seguiremos traballando polas infraestruturas locais e educativas, polo que este verán acondicionaremos o colexio Manuel Respino”, asegurou.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button