SanidadeÚltima hora

Feijóo anuncia melloras nos procesos de detección de casos de Covid en Galicia

O presidente da Xunta comparecía esta mañá no Parlamento galego e abordaba as medidas que se están a adoptar fronte á segunda onda do coronavirus

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, durante a súa intervención no Parlamento galego.

 

A Xunta de Galicia aposta por introducir melloras no proceso de detección de casos de Covid-19 cun sistema de autodeclaración e 300.000 novos tests de antíxenos dispoñibles. Así o vén de anunciar esta mañá o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para abordar as medidas que se están a adoptar fronte á segunda onda do coronavirus.

Ademais aseguraba que Galicia traballa para lograr “tres obxectivos prioritarios: ter capacidade para responder á presión sanitaria; velar polas persoas e ámbitos máis vulnerables; e evitar un segundo confinamento xeneralizado, que tería efectos moi nocivos para o presente e para o futuro”.

Para garantir o primeiro obxectivo, o titular do executivo autonómico destacou o esforzo constante para garantir o máis axeitado proceso de detección de casos. E, neste sentido, avanzou novas melloras, como unha maior especialización da central de seguimento de contactos e a creación de áreas específicas, como a creada para o seguimento dos casos relacionados coa educación.

Así mesmo, resaltou a implantación dun sistema de autodeclaración a través de internet, para que aquela persoa que considere que pode ser contacto dun positivo introduza os seus datos e a central de seguimento se poña en contacto con ela para facerlle a enquisa, descargando así aos profesionais de atención primaria destes casos.

“E, desde o 4 de novembro, atópanse dispoñibles na plataforma loxística do Sergas outros 300.000 tests de antíxenos para o seu uso por parte dos servizos de urxencias hospitalarias e da atención primaria”, resaltou, garantindo ademais que as persoas identificadas como contacto estreito dun positivo se dean automaticamente de alta no sistema TELEA.

Sobre este último punto, afirmou que esta medida permitirá que (aínda que o seu seguimento diario sexa realizado pola central, polas xefaturas territoriais e polos servizos de prevención), os profesionais de primaria dispoñan de información histórica actualizada no caso de ser finalmente positivo e converterse en paciente Covid.

Proxecto piloto nas residencias da terceira idade

No referente ao segundo obxectivo apuntado por Feijóo, o de velar polas persoas e ámbitos máis vulnerables, o presidente da Xunta indicaba que, a partir das vindeiras semanas, poñerase en marcha nas residencias de maiores un proxecto piloto de detección temperá a través das augas residuais, co fin de saber se hai covid nunha residencia e poder actuar antes de que haxa sintomatoloxías.

“E estamos traballando para perfeccionar o modelo de residencias hoxe e no futuro: cunha compenetración máis estreita entre os servizos sanitarios e a atención social; con melloras estruturais que axuden a responder de xeito óptimo a situacións como esta; e aproveitando o potencial das novas tecnoloxías para a monitorización da saúde e o benestar dos usuarios”, apuntaba.

 

 

 

Evitar un novo confinamento

Feijóo asegurou que Galicia traballará co fin de evitar un novo confinamento xeralizado e que seguirá graduando as medidas en función da gravidade de cada momento e en función da incidencia de cada lugar. “Lamentablemente non podemos desbotar que o modelo neste proceso sexa o de peches e aperturas progresivas ata que haxa vacina. É a única opción de controlar o avance da pandemia, mantendo un nivel de actividade aceptable”.

Así mesmo incidía en que o alivio das medidas decidirase en base a un só criterio: “a proposta do comité clínico, segundo a evolución epidemiolóxica de semanas anteriores”.

Feijóo concluía a súa intervención cun recordo para as persoas que, ata este momento, faleceron en Galicia pola covid. “A ausencia dos que se foron marcará para sempre esta época que nos tocou vivir. Nada poderá compensar a súa falta”. E ademais, agradecía a todos os galegos a súa resposta, marcada pola responsabilidade, a seriedade e o cumprimento das normas.

Artigos relacionados

Back to top button