En portadaÚltima hora

Feijóo: “Estamos traballando co comité clínico para reaxustar o protocolo do inicio de curso”

O presidente da Xunta en funcións asegura que "queremos empezar o curso en setembro, debemos intentalo"

Foto: Mónica G. Bellver.

 

O goberno galego non contempla, polo de agora, aprazar o inicio do curso escolar. Así o aseguraba esta mañá o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo. “Nós queremos empezar o curso no mes de setembro, cremos que debemos facelo ou polo menos debemos intentalo, sabemos perfectamente que pode haber brotes de Covid e que iso supón entradas e saídas, activar e desactivar unha clase. Tocounos xestionar esta pandemia e ímola xestionar coa mesma eficacia que a levamos xestionado ata o de agora”, dicía nunha comparecencia ante os medios de comunicación tras reunirse co presidente do Parlamento galego.

Feijóo sinalaba que están pendente dun protocolo unitario de volta ás aulas para todas as comunidades autónomas por parte do goberno. “Dixósenos que nesta semana o teríamos lista ao máis tardar, pero o certo é que aínda non o temos”. Ademais insistíu na posición sanitaria de Galicia no referente á “necesidade de utilizar máscara durante todas as horas do curso lectivo, esa é a medida sanitaria máis potente, se non hai máscara hai un incremento exponencial de contaxio. A hixiene das mans máis a máscara supón claramente as dúas ferramentas máis potentes que ten a comunidade científica neste momento para facer fronte á pandemia e iso Galicia apostou dunha forma concreta”.

 

Alberto Núñez Feijóo, durante a súa comparecencia ante os medios./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así mesmo, o presidente da Xunta en funcións indicaba que “nestes momentos estamos traballando co comité clínico reaxustando o protocolo e a maioría das clases en Galicia terán unha ratio de alumnos moi razoable, por debaixo da media das comunidades autónomas, e, polo tanto, non haberá clases superiores aos 25 alumnos por grupo e o número de clases de 20-23-25 alumnos imos esdutando aulas colexio a colexio, e onde temos máis problemas de espazo físico nas cidades. Non se poden expandiar porque están en solares colindantes con outras edificacións e por tanto estamos facendo un estudo pormenorizado de cada unha desas situacións”.

Ademais Feijóo pedía “tranquilidade a todos os pais e nais, porque imos preservar a saúde dos nosos fillos” e adiantaba que “a partir do luns 7 de setembro ata que empecen as clases imos dar moitísima información a todos os pais e as nais e, por suposto a todos os grupos de profesores, que son miles, para concretar o contido e alcance da última redacción do protocolo que ten que ser coñecido polo miúdo no primeiro día da segunda semana do mes setembro. Ata o de agora hai un protocolo coñecido que estamos perfeccionando, imos incorporarlle as propostas da conferencia de presidentes, que espero que se celebre”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button