En portada

Feijóo inicia o seu terceiro mandato como presidente da Xunta de Galicia

Tras prometer o cargo no Parlamento ante a presencia do titular do goberno español, dirixíase á praza do Obradoiro

Pasadas as once da mañá do 12 de novembro, o presidente do Parlamento galego, o ourensán Miguel Ángel Santalices, acompañado polo presidente do goberno, Mariano Rajoy, e polo presidente electo da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; cruzaba a porta dun salón de Reis do Pazo do Hórreo, ateigado de convidados. Deste xeito comezaba un acto no que, minutos despois, Feijóo prometía, por terceira lexislatura consecutiva, o seu cargo como presidente da Xunta de Galicia.

Logo o presidente do goberno, Mariano Rajoy, tomaba a palabra e compartía “unhas reflexións puramente persoais”, lembrando a súa etapa como deputado galego na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia, en 1981. “Uns recordos que viñeron a min cando escribía estas letras”. Aseguraba que “estar e falar hoxe aquí é para min unha honra impagable” e amosábase “lexitimamente orgulloso”. E, aludindo a Núñez Feijóo, resaltaba a súa “moderación, empeño reformista, determinación, sensibilidade social e estabilidade”. Tamén se poñía a disposición “do pobo galego e da súas institucións”.

De seguido, Núñez Feijóo, xa como presidente da Xunta, daba o seu primeiro discurso, sinalando que, “por terceira vez, síntome como un discípulo da nosa xente, como un escolante que vai coa mente aberta e o corazón ilusionado á aula do mestre, como se se tratara do primeiro día e da primeira clase”. Referíase asemade á estabilidade poítica e institucional como “un requisito esencial. Estabilidade do autogoberno galego, estabilidade tamén da nación española da que Galicia forma parte, e da Unión Europea á que nos vencellan pasados, valores e obxectivos comúns”.

Xa na parte final da súa intervención, Feijóo deixábase levar pola emoción ao lembrar ao seu pai e ao citar a chegada do seu fillo. “Galicia, unha terra, un pobo, unha fala… e un Parlamento. A nosa misión é facer desde aquí que perdure e que, no noso soar, “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo, xamais morra”. Conto para iso coa lembranza e o exemplo dun galego que non está. Conto coa motivación e coa ilusión dun galego que está por vir. E conto coa axuda de todos”, dicía.

Tampouco se esquecía dos agradecementos, entre eles ao presidente do goberno por asistir á súa toma de posesión, pero tamén aos alcaldes e concelleiros presentes, aos portavoces dos catro grupos do Parlamento ou aos ex alcaldes, “que tamén son responsables da constitución desta Galicia única”.

Numerosas autoridades acudían a este acto, que se clausuraba coa interpretación do himno galego. Entre elas estaban anteriores ex presidentes da Xunta, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; deputados ourensáns no Congreso como Celso Delgado Arce e no Parlamento galego como o valdeorrés Moisés Blanco; alcaldes como o de Ourense, Xesús Vázquez, ou o do Barco, tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, e concelleiros. Tamén podía verse ao ourensán Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia; ao xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Ángel Alonso Miranda, de orixe barquense; ao valdeorrés Tomás Pérez Vidal, ex presidente do Parlamento galego; ou ao subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outros. Eran tamén numerosos os medios acreditados para cubrir e transmitir esta toma de posesión.

Rozando a unha da tarde, o acto da toma de posesión trasladábase, en medio dunha forte chuvia, á praza do Obradoiro. Alí, Núñez Feijóo, acompañado de Rajoy, dirixíase de novo aos galegos “dende a praza maior de Galicia, de España e de Europa” para facer unha chamada á unidade. “Na Galicia de hoxe non hai nin derrotados nin vencidos. As urnas son afluentes dun mesmo río que é Galicia. Todos os votos, ideas, sensibilidades e inquedanzas son a materia prima para construír o noso país. O futuro non pode prescindir de ninguén. Galicia é unha síntese, é un acordo”. O acto completábase cunha nova interpretación do himno galego e coa actuación da Real Banda de Gaitas das Deputación de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button