PolíticaÚltima hora

Feijóo: “Jesús Vázquez non é só o candidato do PP, é o de todos os ourensáns que queren a Ourense”

O presidente do PPdeG asistíu ao mitin central do partido na cidade das Burgas acompañado polo candidato á alcaldía e polo presidente provincial

“O próximo domingo, ou votamos ao mellor alcalde das cidades galegas ou votamos á peor oposición”. Así de rotundo se amosaba o presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijóo na tarde-noite do 22 de maio, no mitin central do Partido Popular na cidade de Ourense, para apoiar ao seu candidato, Jesús Vázquez.

Acompañado ademais polo presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, Feijóo lembrou que durante estes catro anos, “os demais partidos non fixeron oposición ao alcalde, senón á cidade”. Por iso pediu o apoio para evitar así que a historia se repita. “Jesús Vázquez non é só o candidato do PP, é o de todos os ourensáns que queren a Ourense”, salientou Feijóo, quen subliñou que, “durante este mandato, a urbe avanzou, a pesar dos atrancos de quen fixo todo o posible para que quedara atrancada”.

O líder popular dixo que estas eleccións “van máis aló de partidos, porque do que se trata é de elixir entre dividir a cidade ou unila; entre a peor das políticas ou a política con nobreza; entre os que miran para si e os que miran para Ourense; os que boicotean o municipio e os que dan todo polos seus veciños; entre as peores formas ou a disposición plena para os ourensáns; e entre parar ou seguir avanzando”. “Elíxese”, recalcou, “entre o pacto de Jácome co resto de partidos ou o pacto de Jesús Vázquez cos ourensáns”.

 

Final do mitin do PP no Pavillón dos Remedios de Ourense.

 

Durante a súa intervención, o presidente provincial do PP e candidato á presidencia da Deputación Manuel Baltar, propuxo “un novo pacto con Ourense para lograr unha maioría que permita gobernar sen depender de ninguén”, ofrecendo a estabilidade necesaria para desenvolver un proxecto “que ten unha visión integradora da provincia, partindo da cidade e chegando a todos e cada un dos concellos”.

Baltar pediu  aos veciños da capital que aposten “polo diálogo, polo talante, pola educación e pola cooperación institucional que avalan os gobernos provincial e autonómico con maiorías absolutas”. Cun goberno local forte e coa institución provincial e maila administración autonómica como aliados, “os ourensáns terán a cidade que merecen, innovadora, preparada para un fito histórico como a chegada do AVE e destino turístico de primeira orde, co termalimso como bandeira”. Nesta liña, engadiu, o Partido Popular ofrece unha candidatura liderada por Jesús Vázquez, “que demostrou dabondo a súa capacidade para procurar a cooperación das administración”, citando expresamente o único comité permanente de cooperación existente en España entre unha capital de provincia e a Deputación, “o que permitiu incluír ao Concello de Ourense no plan provincial de obras, manter o Festival Internacional de Cine ou traer para a cidade o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button