Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Feijóo: “Na maioría das CCAA non hai unidade, equipo, estabilidade; aquí si”

Co 97,8% dos votos volve saír elixido presidente do PPdeG no congreso celebrado en Ourense esta fin de semana

O PPdeG está xa preparado para afrontar o pase polas urnas. Así se puxo de manifesto esta fin de semana coa celebración do XVI Congreso Autonómico do partido, celebrado na cidade de Ourense, no que Alberto Núñez Feijóo se ratificou como presidente e candidato á reelección na Xunta e pechou filas tras de si coa designación de Miguel Tellado como o seu número 2. Unhas 3.000 persoas decidiron asistir a este encontro para arroupar ao líder popular, que non escatimou en eloxios hacia Galicia porque, segundo dixo, “non a cambio por nada” e púxoa de referente fronte ao resto de España: “na maioría das CCAA non hai unidade, equipo, estabilidade; aquí si”, proclamou.

A última xornada do congreso dos populares comezaba arredor das 10 da mañá coa intervención do presidente do partido en Ourense, Manuel Baltar, quen pronosticou que a provincia será o punto de partida dunha nova vitoria nas autonómicas: “en Ourense nace unha nova e contundente maioría absoluta do Partido Popular de Galicia e a terceira de Núñez Feijoó”, dixo.

Logo, tomou a palabra o representante do Partido Popular de Andalucía, Juan Manuel Moreno, que asistiu como invitado xunto coa secretaria xeral do partido a nivel nacional, María Dolores de Cospedal, e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, así como o representante do Partido Popular en Portugal. Moreno eloxiou durante a súa intervención o labor de Feijóo á fronte destes 8 anos na Xunta e púxoo como exemplo a extrapolar a Andalucía, historicamente gobernada polos socialistas.

Nas intervencións tamén tivo o seu momento o que foi secretario xeral do PPdeG durante a última década. Tras o recente anuncio do cambio do número 2 de Feijóo, que pasa a ser Miguel Tellado, un emocionado Alfonso Rueda recoñeceu que “ter sido o teu secretario xeral é unha honra que non esquecerei”.

De seguido, a reunión fixo un paro duns 30 minutos para proceder á votación do único candidato á presidencia do PP e para iso foron mobilizados uns 2.000 compromisarios de toda a comunidade galega. Finalmente, o resultado deixou lugar a poucas sorpresas, pois o 97,8% dos votos validaron a continuación de Feijóo á fronte do partido.

Posteriormente, tras a votación abriu Cospedal o acto de clausura, quen tamén gabou o traballo do líder galego e o puxo como base para o impulso da vitoria que agardan ter a nivel nacional nas vindeiras eleccións do 26 de xuño. Un preámbulo que deu paso ás verbas do ratificado presidente do PPdeG, quen asegurou que asume o cargo poñendo a Galicia “no centro” e co compromiso de “non deixar de traballar”.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button