Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Feijóo pide no Barco “unha participación masiva para elixir o mellor para Galicia”

Tras pasar pola Rúa, o candidato popular á presidencia da Xunta, daba un mitin no Pazo do Castro

 

“En tempos de división, de inquedanza, de dificultade temos que ter confianza, proxecto e acreditar xestión”. O candidato do PP á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do 12X, Alberto Núñez Feijóo, comezaba deste xeito o mitin que ofrecía ás 18h. deste venres no xardín do Pazo do Castro (O Barco), tan só unha hora despois do celebrado no Aguillón rues.

Feijóo pedía “unha participación masiva para elixir o mellor para Galicia”, indicando que se poderá votar “con total seguridade, nunca antes houbo tanta limpeza, prevención e hixiene como nestes comicios. Imos votar sen medo, sen ter medo ao resultado”.

E insistía en que o PP márcase dous obxectivos moi concretos nestas eleccións: “preservar a sanidade e a saúde de xente e crear emprego porque estas dúas cousas están ameazadas pola pandemia sanitaria e económica”. Ademais o líder o PPdeG aseguraba que “a miña campaña será o meu programa electoral”. E, nese senso, “propoñemos certeza, cando Galicia supere a pandemia temos que deseñar a Galicia do ano 30”.

 

 

Feijóo dicía tamén se “continuará traballando pola riqueza forestal, polo Camiño de Inverno, polo emprego, pola sanidade e anunciou que na vindeira lexislatura “presentaremos o Plan Director do Hospital do Barco, melloraremos as consultas externas e faremos unha unidade de cirurxía maior ambulatoria ou de farmacia”. Ademais, aludía ao sector da lousa indicando que a súa capacidade para xerar riqueza é compatible co respecto ao medio ambiente.

 

 

Neste acto electoral, tomaban a palabra antes de Feijóo a cabeza de lista popular pola provincia, Marisol Díaz, e o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen indicaba que o 12 “eliximos ao alcalde de Galicia entre dous modelos: o de Feijóo, cun programa que todo o mundo vai coñecer nestes días, e o dun multipartito”. Baltar referíase así mesmo á composición da candidatura ourensá, “na que repiten varios integrantes, e que ten a forza suficiente par seguir loitando por Galicia”.

Paseo polo Barco de membros da candidatura popular por Ourense

Despois do mitin no Castro, a cabeza de lista do PP pola provincia de Ourense, Marisol Díaz, daba un paseo polo Malecón do Barco, acompañada por varios membros da candidatura como José González, Antonio Rodríguez Miranda e Moisés Blanco, así como por integrantes da xunta local do partido no Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button