PolíticaÚltima hora

Feijóo plantexa convocar as eleccións galegas en xullo

O presidente da Xunta reuniráse mañá cos partidos políticos galegos, que amosan o seu desacordo coa proposta, para abordar a convocatoria dos comicios galegos

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

 

Neste mediodía o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de convocar unha xuntanza cos partidos políticos galegos para abordar a convocatoria das eleccións galegas. “Acabo de remitir os informes dos expertos sanitarios aos partidos políticos para que poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e reflexións. A partir da opinión dos expertos -e tamén escoitarei a opinión dos partidos políticos-, tomarei a decisión que creo sexa a máis responsable”, aseguraba Feijóo.

Así, desde o punto de vista sanitario, “e sempre que se manteñan as previsións”, o presidente da Xunta trasladou que “os expertos coinciden en que o momento que pode ofrecer menos incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios. Pola contra, as incertezas increméntanse canto máis avance o ano, restando garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións sanitarias axeitadas”.

Sobre este último punto, explicou, entre outros aspectos, que os meses de maior recepción de visitantes na Comunidade son xullo e agosto, “o que pode expoñernos a máis contaxios importados”; “as condicións meteorolóxicas do verán -temperaturas maiores, raios ultravioleta- poderían contribuír a reducir o impacto do virus; e os modelos epidemiolóxicos non descartan un novo pico da enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.

O responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña que se dan as condicións xurídicas para a convocatoria e celebración dunhas novas eleccións, considerando que “se se estima que as condicións poden ser peores no outono, o prudente e correcto é proceder a unha nova convocatoria á maior brevidade, para non poñer en perigo o dereito fundamental do sufraxio activo e pasivo”.

PSdeG-PSOE

Dende o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, aseguraba que a intención de Feijóo de convocar as eleccións galegas “en pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria” deixa ben ás claras que “a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral”.

“É altamente irresponsable”, sinalaba o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que Feijóo “non está pensando nas persoas que están inmersas agora nun ERTE nin nos autónomos que non poden abrir os seus negocios”, senón “só tentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia, que deixa os peores datos nas cuestións que son competencia da Xunta: o eido sanitario e as residencias de maiores”.

“Feijóo non é de fiar, está rachando os acordos que selou coa oposición para aprazar as eleccións e que se plasmaron no Diario Oficial de Galicia. Firmou que as eleccións non se poderían convocar de novo ata que se levantasen o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, e agora amosa que está disposto a saltarse calquera norma existente”, indicaba Caballero.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG criticou que Feijóo aparecese na televisión galega decidindo “unilateralmente” cal é o mellor momento para celebrar as eleccións galegas pese a que o seu conselleiro de Sanidade estaba nese mesmo intre no Parlamento asegurando que a evolución da pandemia é “altamente impredicible”.

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

 

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón critica as formas de Alberto Núñez Feijóo anunciando, en rolda de prensa, a covocatoria de eleccións sen comunicación previa  ás forzas políticas e cuestiona a “legalidade” da convocatoria.

Para a nacionalista, Feijóo volve a facer gala da súa “prepotencia e falta de diálogo” e “ante a escolla de defender a saúde de todos os galegos e galegas escolle convocar eleccións”. Dende o BNG, reiterou, Pontón, seguiremos defendendo a “saúde da cidadanía galega” e “na situación de pandemia que estamos a vivir, e coa declaración do estado de alarma, non se dan as condicións sanitarias nin democráticas esixibles”.

A portavoz nacionalista indica que dende hai tempo Feijóo “ten a intención de facer coincidir as eleccións co anuncio de Urkullo constatando que vai  a rebufo das decisión de Euskadi” e recorda que “en Galiza foi asinado un acordo a través dun decreto publicado no  DOG para convocar as elección tras o levantamento do estado de alarma, nni un minuto antes nin un minuto  despois”. Desde o BNG “continuamos mantendo esa posición. É unha temeridade e unha irresponsabilidade convocar eleccións durante unha pandemia  porque ninguén pode garantir que se produzan novos repuntes na fase de desconfinamento ou no mes de xullo e así llo trasladaremos mañá a Feijóo”.

 

A portavoz nacional d BNG, Ana Pontón.

 

En Marea

Para En Marea o risco da pandemia “continúa vixente e, á espera de coñecer os informes aos que fixo referencia o presidente da Xunta na súa rolda de prensa”, ven con “certo temor unha convocatoria electoral inmediata, debido á falta de acceso directo aos datos e á imposibilidade de valorar os rebrotes nunha fase tan inicial da desescalada”, aseguran dende está formación política.

Pero En Marea tamén considera “non se pode permanecer sine die cunha democracia suspendida, un goberno en funcións e un parlamento disolto”, polo que dende a formación estarían “dispostos a valorar a convocatoria para xullo”.

Aínda así, En Marea insiste “na necesidade de coñecer o estado real da situación antes de poder posicionarse sobre un tema tan sensible e que podería ter implicacións directamente na saúde e na vida das persoas” e lembra que “se non se coñecen os datos de novos contaxios por municipio, por exemplo, e dende a Xunta, a pesares de levarllo pedindo dende esta formación mais de dous meses, inda non os publicaron, faise imposible valorar as actuacións a seguir”.

Galicia en Común

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, cuestionou  hoxe a decisión do presidente da Xunta de convocar eleccións autonómicas no mes de xullo e asegurou que se trata dunha medida “irresponsable” coa que Alberto Núñez Feijóo “búrlase da dor e o sacrificio dun país enteiro”.

“Queremos manifestar a nosa máis absoluta incredulidade pola decisión de Feijóo de situar as eleccións e o seu interese electoral por riba da vida das galegas. Por antepoñer a estratexia partidista do PP á saúde pública. Feijóo quitouse a máscara do electoralismo e a mascarilla que debería levar para protexer aos galegos contra a epidemia da Covid-19 e contra a crise económica”, dixo.

Gómez Reino advertiu que as eleccións só poderán celebrarse “cando non se poña en risco a saúde dos cidadáns e cando existan plenas garantías democráticas de que ninguén deixa de pedir o voto, de decidir a súa opción de voto ou de ir votar por medo a contaxiarse ou por atoparse enfermo”.

 

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino.

Artigos relacionados

Back to top button