PolíticaÚltima hora

Feijóo, reelixido presidente do PPdeG

Era respaldado co 98,3% dos votos emitidos no congreso que este partido vén de celebrar en Santiago

 

Alberto Núñez Feijóo vén de ser reelixido por quinta vez esta mañá presidente do PPdeG no 17º congreso que este partido celebraba nesta fin de semana en Santiago. Lograba 801 votos a favor (o 98,3% dos emitidos) e asumía novamente a dirección dos populares galegos “con ganas e ilusión de máis” e pedindo “aínda maior compromiso para seguir mellorando Galicia”.

Tras recalcar que as vitorias do PPdeG son “de todo o partido, un éxito colectivo”, dicía que se pon, de novo, ao servizo da súa formación porque non se conforma cos éxitos xa celebrados e porque hai tarefa por diante.

Nese senso, Feijóo adiantaba tamén que Galicia manterase “pola mesma senda que agora”. Así, ante o reto que supón a pandemia, continuará “dando a cara e tomando decisións para protexer a saúde e a economía galegas”.

O líder dos populares galegos anunciaba así mesmo que a este congreso autonómico lle seguirán os respectivos cónclaves provinciais e locais, remarcando que son “as ideas e o partido, non os liderados, os que sempre permanecen”.

Para Feijóo, a executiva do PP de G que vén de renovarse supón un instrumento, pero a clave “é seguir incorporando as demandas do pobo para poder ampliar a confianza dos cidadáns no PPdeG”. Neste punto, púxose a disposición de cada alcalde que queira renovar a confianza dos veciños e de cada voceiro municipal que queira conseguir o apoio maioritario para poder gobernar.

Entre as intervencións que se producían ao longo do congreso do PPdG estaba a do presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen aseguraba que “hoxe falamos de empezar a renovarnos para seguir facendo Galicia todos os días con Feijóo á cabeza, mantendo a aposta ideolóxica polo centrismo, o reformismo e o galeguismo, que é onde están todas as respostas”.

Baltar presumiu “dun Feijóo ourensán que no 2002 empezou a súa traxectoria no partido como membro do comité executivo do PP de Ourense”, subliñou que “vimos a votar, e votar significa elixir, e eliximos ao mellor presidente que tivo e pode ter Galicia, porque Feijóo é fiabilidade, credibilidade e xestión”.

Manuel Baltar referendou a aposta renovadora do partido lembrando no seu discurso á Xeración Nós para citar un artigo publicado en 1922 por Antón Losada Diéguez, no que afirmaba que “temos a obriga de rexuvenecer a nosa actividade, e do renacemento de todos os días depende o triunfo do noso ideal”.

 

Artigos relacionados

Back to top button