PolíticaÚltima hora

Feijóo repasa nun vídeo as actuacións do goberno galego na cidade de Ourense

Nel tamén apela ao apoio dos cidadáns para "rematar xuntos o que queda por facer"

 

A través dun vídeo que vén de ser publicado neste 24 de xuño na súa conta de twitter, o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, repasa as principais actuacións realizadas polo goberno galego na cidade de Ourense dende 2009. “A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado, antes de que a pandemia do Covid-19 viñera a cambiar o escenario de prioridades”, segundo explica o PP en nota de prensa.

Feijóo manifesta ademais o seu “total apoio e compromiso co desenvolvemento da cidade, para seguir a potenciar os seus servizos públicos e garantir máis oportunidades para todos. De feito, a Xunta foi a Administración pública que máis investiu en Ourense, o que supuxo importantes avances ao longo destes anos”.

O presidente do PPdeG sinalaba que Ourense ten un hospital público “ampliado e renovándose, con novos servizos como a Hemodinámica funcionando as 24 horas os 365 días do ano, o de resonancia magnética, a nova unidade de hospitalización de psiquiatría de agudos e o novo aparcadoiro. O obxectivo agora é licitar o novo edificio de hospitalización o vindeiro ano”. Tamén se refería a actuacións no ámbito da atención primaria, como o novo centro de saúde do Couto.

Feijóo mencionaba asemade as actuacións levadas a cabo en servizos sociais e as do ámbito educativo, como o investimento de máis de 11 millóns de euros na ampliación da Escola Oficial de Idiomas, do IES Universidade Laboral e a rehabilitación dos CEIP de Seixalbo e Portovello, entre outras.

Ourense, asegura Feijóo, “está agora mellor conectada, e aínda o estará máis cando se remate a conexión do Polígono de San Cibrao ou a estación intermodal que será a entrada do AVE en Galicia”. Ademais apelaba ao apoio dos cidadáns para “rematar xuntos o que queda por facer”.

Artigos relacionados

Back to top button