ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Feijóo: “Toda Galicia chora esta mañá”

Tras o Consello da Xunta extraordinario, o presidente galego daba lectura a unha declaración institucional ante a grave situación que vive a comunidade polos incendios

A primeira hora da mañá do 16 de outubro celebrábase un Consello da Xunta extraordinario para abordar a situación crítica que vive Galicia por mor da intensa vaga de incendios forestais. Ao seu remate, ao redor das once, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comparecía ante os medios e ademais de dar conta dos datos dos lumes neses momento tamén daba lectura a unha declaración institucional na que comezaba dicindo que “toda Galicia chora esta mañá ao ver parte dos nosos montes calcinados. Pero especialmente toda Galicia chora pola perda de tres persoas xa confirmadas e quero que as primeiras palabras sexan para as súas familias e seres queridos”.

Anunciaba tamén que se decretan tres días de loito en Galicia e incidía a comunidade non “arde soa. A Galicia quéimana. Con carácter minoritario, pode haber lumes provocados por descoidos, pero un día como o de onte non é resultado da casualidades, non é resultado do azar. Hai unha intensa intención de facer dano nos lugares de maior impacto incluíndo desta vez zonas urbanas, zonas periurbanas e pobos e vilas”.

Tamén aseguraba que “co obxectivo de priorizar as zonas que os técnicos determinan que hai un maior risco de afectación á xente, ás súas vivendas e aos seus medios de vida, estanse orientando os labores de loita contra o lume desde o Centro de Coordinación, ao que nos volveremos a trasladar (como fixemos onte durante toda a tarde) na xornada de hoxe”. E resaltaba que “os responsables deste terrorismo incendiario deben saber que as súas accións poden matar e matan, provocando, en consecuencia, unha desgraza irreparable. Deben saber que as Forzas e Corpos de Seguridade teñen como máxima prioridade buscalos e traballan para detelos”.

Asemade o presidente da Xunta chamaba á mobilización conxunto en homenaxe aos “equipos antiincendios, a todos os galegos que levan traballando desde a noite e desde a fin de semana na loita contra as lapas, e tamén en repulsa aos incendiarios e en recordo das persoas falecidas”. Así convocábase ás 12:30h. un minuto de silencio nas institucións, tanto nos concellos, como na Xunta de Galicia, como na Administración Xeral do Estado. O presidente da Xunta participaba, xunto ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, no minuto de silencio en Vigo.

Nesta galería de imaxes: o Consello da Xunta e minuto de silencio en Vigo.

Artigos relacionados

Back to top button