PolíticaÚltima hora

Feijóo: “Todos coincidimos en que estas eleccións non se poden celebrar na data prevista”

O presidente da Xunta insistía, tras unha viodeoconferencia cos representantes dos principais partidos políticos galegos, en que “a elección prioritaria e única que temos neste momento todos os galegos é derrotar a pandemia”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a videoconferencia cos representantes dos principais partidos políticos galegos.

 

Despois dunha longa reunión por videoconferencia nesta mañá de 16 de marzo entre o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, e os representantes dos principais partidos políticos galegos acordábase, por consenso,  que non se poden celebrar as eleccións galegas na data do vindeiro 5 de abril. “Todos coincidimos en que estas eleccións non se poden celebrar en ningún caso na data inicialmente prevista”, indicaba.

Co obxectivo de buscar unha fórmula, o presidente da Xunta confirmou que mañá 17 de marzo volverá reunirse cos representantes dos principais partidos políticos galegos para avaliar unha proposta.

O presidente da Xunta insistía en que “a elección prioritaria e única que temos neste momento todos os galegos é derrotar a pandemia”, e pide ao Goberno central que complemente as medidas no eido económico, laboral e social que se aprobarán mañá no Consello de Ministros.

 

Outro dos momentos da videoconferencia.

 

Ademais Feijóo valorou a coincidencia maioritaria por parte dos grupos con representación parlamentaria na preocupación pola situación dos traballadores que poidan quedar afectados por esta crise; polos máis vulnerables –as persoas sen recursos, sen fogar-; e tamén polos profesionais da sanidade.

O presidente do Executivo galego aproveitou a rolda de prensa para reiterar o recoñecemento e agradecemento aos profesionais da sanidade; a todos os que están traballando para garantir os subministros; ás forzas e corpos de seguridade do Estado; e á comprensión e implicación do pobo galego. E garantiu o compromiso de que Galicia estará lealmente ao carón do Goberno de España, coordinados e sen siglas políticas.

“A loita contra esta pandemia non é que sexa xa unha prioridade: é a nosa única prioridade”, sentenciou, recordando que neste momento, en Galicia, hai 239 casos activos e tres falecidos.

Artigos relacionados

Back to top button